O Grupo Municipal do Partido Popular de Ribeira comunicou que Estrella Franco Lijó vén de presentar, por razóns de índole persoal, a súa renuncia a súa acta de concelleira.
“Dende o Grupo Municipal Popular queremos agradecer a Estrella todo o traballo desempeñado estes últimos meses dende que decidiu sumarse ás listas da nosa candidatura á alcaldía, así como poñer en valor a súa inquietude e valiosas aportacións para mellorar a vida dos veciños do municipio, moi en especial os da parroquia de Corrubedo, de onde ela é”, sinalou a agrupación local do PP nun comunicado, engadindo que “confiamos en seguir contando coas súas achegas en aras a desempeñar o noso labor de oposición e fiscalización da acción de goberno e trasladar as demandas da veciñanza”.
Sucederalle no seo da Corporación Rubén Lijó Santos, que ocupaba o número 12 nas listas do Partido Popular.




