Despois de 4 meses e case 1500 quilómetros, Un océano sen plástico chega a Fisterra.

O 8 de xuño, Día Mundial dos Océanos, Patricia Reina e Fernando Goméz, da asociación Vivir Sin Plástico, saíron camiñando de Irún coa intención de percorrer a pé toda a costa da Península Ibérica co obxectivo de “reivindicar a necesidade de protexer o océano e de reducir o noso uso masivo de plástico refugábel”.
Segundo sinalan dende a asociación, “Galicia foi desde o principio un dos obxectivos principais deste proxecto, posto que se trata da comunidade autónoma con máis extensión de costa da España peninsular, con 1498 quilómetros, os mesmos que necesitaron para chegar ata aquí”.
Calculan que tardarán un ano en percorrer os máis de 6000 km que hai desde Irún (Guipúscoa) a Port Bou (Girona) seguindo a liña da costa.
Durante o camiño, están a dar charlas en centros públicos, participando en limpezas de praia e entrevistando a activistas e científicos que traballan na conservación dos nosos océanos. Ademais, crean contido divulgativo a través de vídeos e publicacións en redes sociais. Nesta liña, o 6 de outubro participarán no VII Encontro Internacional de Lixo Mariño na Coruña para coñecer de primeira man a problemática dos refugallos mariños nas costas galegas, así como distintas iniciativas para converter o lixo mariño en arte.
Para realizar esta viaxe, contan co apoio da plataforma de intercambio de casas Home Exchange que lles axuda co aloxamento, de Ternua, marca deportiva sustentábel que lles forneceu a roupa e o material deportivo, e de Nnormal, que lles subministrou calzado deportivo para o camiño.
Segundo lembran, o plástico chegou xa a todos os recunchos do planeta: “Está mesmo dentro do noso corpo, co paradoxo de que utilicemos un material de longa resistencia e durabilidade para fabricar produtos de usar e tirar”. O peso de todo o plástico que se fabrica anualmente supera o de toda a poboación mundial e esta cifra vai en aumento. “Isto está a causar estragos no noso océano, esencial para a vida neste planeta”, engaden.
Patricia e Fernando comezaron compartindo a súa experiencia nun blogue titulado Vivir sen plástico que en pouco tempo converteuse nun referente sobre o movemento zero waste en España.
En abril de 2019, publicaron un libro homónimo contando a súa experiencia e en xaneiro de 2020 convertéronse oficialmente nunha asociación sen ánimo de lucro a nivel nacional, cuxo obxectivo é sensibilizar sobre os problemas que está a xerar o plástico refugábel no medio ambiente e achegar solucións.



