A Mesa pola Normalización Lingüística celebrou no Grove, na tarde deste xoves 28 de setembro, unha concentración de repulsa pola deturpación do topónimo da Illa da Toxa, perante “a celebración dun Foro que fai desta agresión á lingua galega o seu sinal de identidade”, en relación á nova edición do Foro La Toja que comezou hoxe, precisamente.
O presidente da entidade en defensa da lingua galega, Marcos Maceira, recordou que “a mobilización, as miles de sinaturas recollidas a favor da toponimia e a denuncia da falta de cumprimento da legalidade toponímica conseguiron que cada ano menos autoridades públicas queiran participar neste foro de insulto á toponimia como pegada da lingua e cultura galego sobre o seu territorio”. Maceira lamentou, porén, que “o presidente da Xunta manteña a súa participación nun acto cuxa carta de presentación é o ataque á toponimia galega e á lexislación que a oficializa”. O presidente da Mesa cualificou esta participación como “vergoñenta” e engadiu que “tamén é vergoñento que sexa o único presidente contrario á presenza da súa lingua no Congreso”. “Todo isto é indicativo”, asegurou, “do profundo desprezo que sente o señor Rueda polo galego, por Galiza e mesmo polo cargo que ocupa”.




