No marco do programa de turismo inclusivo Mar de Amicos, xestionado por a Asociación Amicos e Fundamar, as entidades presentan unha ferramenta testada para a promoción da accesibilidade e a inclusión na promoción do patrimonio marítimo pesqueiro. Farano no marco dun obradoiro programado para este xoves 28 de setembro. Desenvolverase en modalidade online de 11h a 13h.

Nun esforzo por promover a sustentabilidade e a inclusión no turismo relacionado co patrimonio marítimo-pesqueiro, a asociación da nosa comarca Amicos e Fundamar anunciaron o lanzamento do primeiro obradoiro formativo en modalidade en liña. Este taller está dirixido a profesionais e entidades involucradas na promoción e xestión do patrimonio marítimo-pesqueiro, así como a aqueles interesados en fomentar un turismo responsábel e accesíbel.

Segundo explica Amicos, “o turismo ao redor do patrimonio marítimo-pesqueiro é unha fonte importante de ingresos e unha oportunidade única para conservar e compartir o noso patrimonio; con
todo, para garantir a súa sustentabilidade a longo prazo e facer que esta experiencia estea aberta a toda a cidadanía, é esencial promover as boas prácticas en turismo inclusivo”. Por este motivo e co obxectivo de multiplicar o impacto do coñecemento xerado a través do proxecto Mar de Amicos e que poida ser replicado noutros lugares ou territorios onde xa se estean realizando actividades vinculadas á promoción do patrimonio marítimo pesqueiro, Amicos e Fundamar, organizan un obradoiro de transferencia de boas prácticas en turismo accesíbel e inclusivo para profesionais e entidades adicadas ou interesadas na promoción do patrimonio marítimo-pesqueiro.
Detalles do Obradoiro
Título: Obradoiro de transferencia de boas prácticas en turismo accesíbel e inclusivo para profesionais e entidades adicadas ou interesadas na promoción do patrimonio marítimo-pesqueiro.
Modalidade: En liña
Duración: 11:00 a 13:00h
Data: 28 de setembro
Custe: Gratuíto
Inscricións: na ligazón específica habilitada ou enviando un correo electrónico a mardeamicos@amicos.org cos seguintes datos: nome e apelidos, nome da entidade á que representa, teléfono e procedencia – localidade.



