Case 200 fogares e negocios de Rianxo poden acceder á banda larga grazas ao plan ÚNICO

06 Setembro 2023

A subdelegada do Goberno, María Rivas, trasladouse este mércores 6 de setembro ata o concello de Rianxo para coordinar, xunto ao alcalde Julián Bustelo, o dispositivo de seguridade das Festas de Guadalupe que se celebrarán dende este venres 8 até o 15 de setembro. Rivas aproveitou a súa estadía en Rianxo para facer balance dos froitos acadados no concello grazas aos investimentos do Executivo central, a través do Plan de Recuperación. Entre estes investimentos destacou o Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) que, dotado con 978.710 euros, permitirá recuperar o histórico Pazo de Martelo que acolle na actualidade a Biblioteca Municipal. Tamén lembrou que grazas ao Plan ÚNICO levouse banda larga a case 200 fogares e negocios de Rianxo que non viñan contando con esta tecnoloxía.

Eficiencia enerxética e banda larga

María Rivas lembrou tamén as axudas para eficiencia enerxética, 798.716 euros que permitiron a substitución da práctica totalidade da luminaria do concello co consecuente aforro nos fondos das arcas municipais.

No que se refire á banda larga, dixo que se trata dunha actuación que contou cun investimento de 36.848 euros dentro do Programa ÚNICO do Ministerio de Asuntos Económicos, e que grazas a este plan dotouse de Internet de alta velocidade a 194 domicilios e negocios do termo municipal.

Ademais, María Rivas fixo fincapé no investimento de 48.813, 63 euros realizada polo Goberno en materia do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero que ten como obxectivo impulsar medidas para identificar e erradicar os comportamentos sexistas na sociedade.

34,4 millóns no Barbanza

A subdelegada do Goberno tamén aproveitou a súa visita a Rianxo para destacar os investimentos do Goberno na comarca de Barbanza, que xa superan os 34,4 millóns de euros.

María Rivas subliñou que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, destinou 6,4 millóns de euros á comarca co obxectivo de avanzar cara “a un turismo máis sustentábel e moderno e impulsar a dixitalización do sector”. María Rivas lembrou que a Mancomunidade de Municipios do Barbanza, da que forma parte o concello de Rianxo xunto cos de Boiro, A Pobra e Ribeira, obtivo 976.800 euros dentro da iniciativa Traslatio Experiencial. Ruta Mar de Arousa río Ulla, destinada a dixitalizar e modernizar as entidades locais que forman parte da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes do Camiño de Santiago para mellorar a atención e experiencia do peregrino na súa travesía.

Rivas tamén destacou os 1,5 millóns de euros concedidos á Mancomunidade para o desenvolvemento do seu Plan de Sustentabilidade Turística, que pretende reforzar a oferta de turismo activo a través da oferta enogastronómica da comarca.

A subdelegada tamén quixo destacar os investimentos realizados no concello de Ribeira, que ascenden a un total de 4,1 millóns de euros, para mellorar a seguridade e a calidade de vida do municipio. Este investimento divídese en 3,1 millóns de euros do Ministerio de Interior, que foron destinados á construción dunha nova comisaría de Policía para fortalecer e garantir os servizos de seguridade, e 1 millón de euros do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para actuacións de mobilidade sustentábel que favorezan á calidade de vida do municipio.

Ademais, no transcurso deste mércores a subdelegada do Goberno presidiu, xunto ao alcalde Julián Bustelo, a xunta de seguridade local para coordinar coas forzas e corpos de seguridade o dispositivo que se despregará durante a celebración das Festas de Guadalupe do 8 ao 15 de setembro. Prestarase apoio de patrullas da Garda Civil, Garda Civil de Tráfico e Salvamento Marítimo.

Lembrou tamén que os festexos virán acompañados dun punto violeta no que se recibirá información contra calquera tipo de violencia machista e ao que se poderá acudir para solicitar axuda no caso de que fose necesario.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.