Comezou a conta atrás para a representación en Rianxo do espectáculo teatral baseado no que ben pode ser o roubo máis célebre da historia recente galega: o estrambótico roubo do Códice Calixtino. Estamos a falar de Códice K, a función de Ainé Producións que guinda unha óptica feminina na recreación do suceso, poñendo o foco en reconstruír o que puido ter pasado entre a desaparición do libro e o seu achado nun garaxe. Trátase dunha comedia destinada a público adulto. As entradas, teñen un custe de 8 €, e poden mercarse na ligazón específica habilitada en ataquilla.com. A cita é este sábado 23 ás 20.30 horas no Auditorio Municipal rianxeiro.
A obra ten texto de Manuel Cortés e baixo a dirección de dirección de Tito Asorey co asesoramento artístico Noemi Rodríguez. O elenco está formado por as seguintes actrices: Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos, Patricia Castrillón e Russ.

Argumento
En xullo de 2011 desaparece o Códice Calixtino. En xullo de 2012, xusto un ano despois, a policía recupera o libro, agochado nun garaxe. Que pasou en todo ese tempo? Investigacións, sospeitas, seguimentos, interrogatorios… Iso é Códice K: o que non se sabe por que nunca se contou. Códice K, o máis grande true crime da historia de Galicia.
Unha historia de mulleres
Por que contar a historia só con mulleres? Porque nela non hai máis ca homes: o electricista, o deán, o xuíz, o investigador principal e os policías, os curas e o arcebispo. Pois a historia de Códice K cóntase a través das múltiples mulleres que a circunvalaron. Porque se a ninguén lle estrañou nunca unha cousa, non ten por que estrañarlle a outra. Catro actrices meteranse na pel de múltiples personaxes para permitirnos contar a historia desde múltiples puntos de vista. A maiores disto, en escena contarase cunha DJ que dará cobertura sonora e dramática á obra.



