A veciñanza das Carolinas (Ribeira) mobilízase para reclamar actuacións que rematen coa “insalubridade” derivada das obras no paseo

A veciñanza das Carolinas (Coroso, Ribeira) está a mobilizarse para pór de relevo as molestias que lles están a provocar as obras que se realizan esta tempada no paseo marítimo da contorna, traballos que teñen que ver coa mellora do saneamento e que, segundo indican, provocan no barrio unha situación de insalubridade con “continuos cheiros que chegan ata a afectar á nosa saúde”, sinalaron este luns 18 de setembro pola mañá ante os medios de comunicacións convocados pola plataforma no paseo marítimo.

Segundo fixeron saber, “desde as primeiras semanas de agosto, debido a unhas obras de substitución da tubaxe do saneamento, estamos a padecer fortes olores nas vivendas e cheiros insalubres e que se manteñen ao longo do día”.

A petición da veciñanza, o Concello convocou unha reunión o 30 de agosto, encontro no que, segundo din, acordouse aplicar un bypass para poñer remedio temporal pero urxente a esta situación. “Malia que se comprometeron a realizalo nun máximo de 7 días”, indicaron os veciños este luns, “pasaron moitos máis e a situación segue a ser insostíbel, a instalación realizouse pero ou non o funciona ou non o fai de forma axeitada”.

Na concentración, Francisco Javier Gómez, un mozo que reside nunha das rúas afectadas, instou aos integrantes do Goberno local a poñerse mans á obra para solucionar de xeito urxente o dito problema. Tamén criticou ao Concello por, nas súas palabras, “incumprir a Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel incluídos nesta, pois no 3 sinálase a saúde e benestar e no 6 auga limpa e abastecemento, pero nin benestar nin saneamento axeitado temos neste barrio”.

Tanto Francisco Javier coma o resto dos veciños mobilizados coincidiron ao denunciar o trato que reciben “por vivir nun barrio das aforas no que vive xente maior”.

Outra veciña, Juana Pena, indicou que “non pode convivir xa máis con estes cheiros, que busquen unha solución xa, incumpriron o acordado”. Amais, puxo o foco no risco “que pode supoñer a situación para os bancos marisqueiros da zona, pois a campaña empezara en breves e pode afectar á ameixa”.