A Policía Local de Rianxo destaca a responsabilidade da xuventude nunhas Festas da Guadalupe que rematan este venres (con dispositivo especial de tráfico)

14 Setembro 2023

A Policía Local de Rianxo fixo balance das actuacións levadas a cabo no concello, estes días, ao abeiro do Plan de Seguridade Cidadá establecido con ocasión das Festas de Guadalupe 2023. No marco destas actuacións, o pasado luns día 11 despregouse un dispositivo especial coordinado entre a Policía Local de Rianxo e a Policía Autonómica coa colaboración da Garda Civil de Tráfico de Santiago en materia (entre outras) de prevención de consumo de alcohol por menores e durante a condución e no que participaron membros de ditos corpos de seguridade, tanto de uniforme como de paisano.

En dito dispositivo prestouse especial atención á Romería das Juadalupeñas, que congregou na praza Castelao e na Urbanización A Martela a uns 2.000 mozos e mozas que participaron nas distintas actividades organizadas. Como resultado do mesmo procedeuse á identificación de 62 persoas e instruíuse unicamente 1 acta denuncia por consumo de alcohol por menores sendo identificados outros 3 menores por unha liorta en vía pública, os cales unha vez finalizadas as actuacións oportunas quedaron a disposición dos seus pais.

A Policía Local de Rianxo tamén destacou o papel despregado polo Espazo Violeta, que prestou apoio, asesoramento e información a toda a mocidade, e salientou que “sanitariamente non houbo menores atendidos por inxesta de alcohol nin en centro sanitario nin polas ambulancias que prestaban servizo e apoio na zona ao evento”.

O corpo tamén puxo en valor “o comportamento exemplar da xuventude rianxeira e visitante”, tanto coa organización como cos distintos servizos de emerxencia e seguridade presentes permanentemente no lugar, enxalzando “a súa actitude responsábel durante os xogos, a romaría e posterior festa das peñas”. Os axentes agradeceron tamén a colaboración da Comisión de Juadalupeñas “pola súa implicación para o éxito desta xornada festiva”.

Medidas previstas para este venres

Dado que este venres día 15 de setembro rematan as Festas de Guadalupe 2023, a Policía Local activará varias frontes de traballo a pé de estrada para “evitar retencións de tráfico, dada a cantidade de vehículos que acceden ó centro urbano de Rianxo”. En vista de posíbeis problemas, aconséllaselles aos condutores en xeral e de maneira especial a aqueles que vaian marchar ao remate da cantata da Rianxeira, “o uso dos estacionamentos periféricos nas entradas inmediatas da localidade”. Os axentes tamén tamén recomendan as condutores procedentes da zona de Catoira-Pontevedra, que teñan previsto chegar a Rianxo entre as dez da noite e as dúas da mañá, que eviten a autovía AG11 e accedan ó casco urbano de Rianxo pola estrada DP3301.

A Policía Local lembra que as zonas de estacionamento das entradas inmediatas do centro urbano atópanse situadas en:

A) Punta Fincheira, Xogo dos Bolos, Cemiterio para os que accedan pola DP3301 procedentes de Leiro e Isorna ou Catoira-Pontevedra. Estes aparcamentos contan con arredor de mil prazas.

B) Os que cheguen procedentes da AG11 e DP 7202 poden estacionar nas zonas periféricas das áreas recreativas de A Torre e O Pazo e nos da zona inmediata situada en Rianxiño e Arcos Moldes. Estes aparcamentos contan con mais de 1.500 prazas.

Ademais, aconséllase á mocidade que empregue o transporte colectivo.

Para garantir a seguridade do evento, hai un dispositivo especial de tráfico seguridade cidadá no que interveñen Policía Local, Garda Civil de diferentes especialidades, Bombeiros, Protección Civil, ambulancias contratadas polo Concello e 061 así como o punto de información e asistencia Espazo Violeta que se atopará emprazado no paseo da Ribeira.

Tamén se reforzou o servizo de taxis durante a madrugada e de autobuses para a mañá do sábado 16.

Finalmente, adoptáronse medidas extraordinarias dentro do plan especial de seguridade relativas ó reforzo das medidas pasivas de seguridade física e ó despexe das vías de acceso e desaloxo do campo da festa.

A Policía Local anima a veciños e visitantes “a desfrutar desta noite tan senlleira para os rianxeiros e despedir a Moreniña neste 250 aniversario da súa chegada a Rianxo, gozando da festa dende o sentidiño e o respecto”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Intervención e regulación” – José Manuel Pena

“Intervención e regulación” – José Manuel Pena

Hai que ser realista e non queda outra, ben a intervención e a regulación para poder garantir o dereito real a unha vivenda digna. As axudas do ICO ou o bono ao alugueiro non solucionan o problema da vivenda en España. Hai que intervir, como se fixo, no seu momento,...

“Muerte gestacional, perinatal y neonatal”. Inma Medina López

“Muerte gestacional, perinatal y neonatal”. Inma Medina López

Hoy 15 de octubre, se celebra el Día Mundial de Concienciación sobre la Muerte Gestacional, Perinatal y Neonatal. El concepto de muerte gestacional abarca todas laspérdidas de hijos/as producidas durante el embarazo, y el concepto perinatal y neonatalaquellas...