A Asociación Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño participou na 45 edición da Romaxe de Crentes Galegos organizada por Irimia en Santa Minia, Brión. Foi o pasado sábado 9 de setembro.

Á romaría acudiu un grupo de medio cento de persoas da AFLM da devandita parroquia ribeirense, amais de veciñas e veciños de Santiago, Coruña, Vigo, Vilagarcía, Poio e Pontevedra, Marín, Arzua, Xuño, Lugo, Sobrado, Ferrol, Bergondo, Ourense, Xinzo, Baiona, Tui, entre outros lugares de Galicia. En total, participaron sobre un milleiro de asistentes.

O medallón conmemorativo foi unha peza elaborada en Buño baixo o lema Sororidade e terra. A celebración musicada por Mero Iglesias e o seu grupo xirou en torno ás mulleres cristiáns galegas, dende Exeria (que no século IV peregrinou a Terra Santa, Xerusalén, e que protagonizou a celebración co guieiro), a Santa Minia (mártir non recoñecida pola igrexa) e outras mulleres cristiáns galegas rurais e da actualidade ás que se homenaxeou cun recoñecemento no acto. Rematou a romaxe entregando o ramo ao grupo de Xinzo de Limia onde terá lugar o ano vindeiro o segundo sábado de setembro como ven sucedendo dende 1978.

A AFLM, ademais de compartir as fotos da romaxe que aquí reproducimos, informou de que van arrancar co inicio do curso os obradoiros de pandeireta, canto e baile galego.

Ademais, engadiu a entidade veciñal, “xa estamos traballando na vindeira mostra de teatro afeccionado a celebrar en novembro e outras actividades culturais”.




