
O vindeiro sábado (19 de agosto) vaise celebrar en Outes a nova edición dun acontecemento local que reivindica a nosa cultura e gastronomía e os nosos oficios artesáns. Trátase da cuarta edición da Feiriña, que, como dixemos, está programada para este 19 de agosto na Serra de Outes. Haberá obradoiros, postos e actividades arredor da gastronomía, a artesanía, o comercio, a música e o agro. A Feiriña levarase a cabo a longo de case toda a xornada do sábado 19, en horario ininterrompido de 11.00 a 22.00 horas, na rúa da Capela. Organiza o Concello de Outes.
Respecto do programa de actividades, comezarán ás 12.00 horas cunha sesión de animación infantil a cargo do clown galego Peter Punk (diante da Capela) e proseguirán algo máis tarde, ás 13.30 horas, cunha sesión vermú de Mad Martin Trío. Pola tarde-noite, ás 20.00 horas, está programada outra actuación de música en vivo, da man de DJ Juan Sendón (novamente diante da Capela). Por outra banda, a axenda tamén inclúe obradoiros creativos para a rapazada (de maquillaxes e tatuaxes) a cargo de Somos Enredos. Ademais, haberá ruada da man do Grupo de Gaitas Garandoiro.




