Máis dun milleiro de persoas de todas as idades con textos de até 200 palabras quixeron probar sorte na sexta edición do Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega (RAG) e PuntoGal. Xa se deron a coñecer os e as premiadas deste certame. Nel Vidal (Artes, Ribeira, 1980) acadou o primeiro premio na categoría de adultos, á que se presentaron arredor de 450 relatos, con Deberes de lingua, un texto de 67 palabras para reflexionar sobre o que significa compartir a vida. O autor foi técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo durante quince anos, presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e director do Culturgal, na actualidade adícase á docencia de Lingua Galega e Literatura.

O segundo premio de persoas adultas é para Nanda Costas Misa (Vigo, 1978), por A foto. Nanda, costureira e contacontos, veciña de Nigrán, escribe unha emotiva historia de 196 palabras que viaxa a tempos pasados nos que a fotografía foi máis ca nunca unha maneira de inmortalizar os seres queridos.
O terceiro premio na categoría de adultos foi para Mónica Fraga Rodríguez (A Laracha, 1974), na actualidade veciña de Oleiros, co relato titulado Zen, que consegue arrincar o sorriso con só 46 palabras. Licenciada en Física, é profesora de Tecnoloxía do mencionado IES Rego de Trabe, do que é a directora.
Na modalidade xuvenil, á que concorreron case 400 mozos e mozas entre os 12 e os 17 anos, o xurado premiou as historias de tres mozas de Ames, Vigo e Teo. Andrea Bravo López (Ames, 2009), estudante do IES do Milladoiro, acadou a máxima distinción con Querer, o relato, con só 9 palabras, máis breve dos nove galardoados. O segundo premio é para Mencía Jorge Cabaleiro (Vigo, 2006), alumna do IES Castelao da súa cidade natal, por Perda, un texto de 191 palabras sobre o que vai ficando atrás a vida e a ferida que deixa; e o terceiro para Beatriz Martínez García (Teo, 2006), alumna do IES de Cacheiras, por Cun pouco de azucre, un relato que transmite unha chea de emocións desacougantes en só 85 palabras.
A categoría infantil contou coa participación de preto de 200 nenos e nenas de ata 11 anos. Ainhoa Valverde Silva (Baiona, 2012), alumna CPI de Cova Terreña, foi recoñecida co primeiro premio por O meu irmán, de 93 palabras; Arwen Fernández García (Nigrán, 2014), alumna do CEIP Humberto Juanes, recibiu o segundo por O poema, o segundo relato máis curto de todos os distinguidos, de só 11 palabras; e Mai Lemmen (Geldrop, Holanda, 2016), alumna do CEIP Castrelo de Miño, foi recoñecida co terceiro por A gatiña saltarica, de 40 palabras.
Os relatos presentados na modalidade de persoas adultas foron valorados polo xurado composto polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e tamén académico de número, Manuel González González; a académica de número María Dolores Sánchez Palomino; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista Rosalía Macías Tarrío. O xurado das modalidades infantil e xuvenil integrárono o académico de número Gonzalo Navaza, a académica correspondente Celia Pereira Porto, a profesora da Universidade de Vigo e secretaria da xunta directiva de PuntoGal, Edita de Lorenzo, e o mestre e escritor Lois Pérez.
As persoas gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos (computadores, consolas, lectores electrónicos de libros) e relacionados coa lectura nun acto público que se celebrará proximamente. Nun futuro próximo poderán lerse os relatos gañadores nunha edición dixital.



