Avances na consolidación e crecemento das poboacións de sapoconcho europeo no Parque natural de Corrubedo

10 Xuño 2023

Un proxecto impulsado pola Xunta para o seguimento do sapoconcho europeo no Parque natural complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán permitiu constatar avances na consolidación e crecemento das poboacións desta especie nas dúas charcas nas que está presente.

Así o explicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen visitou este espazo natural acompañada polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, para comprobar in situ o hábitat natural destes réptiles, que figuran como “en perigo de extinción” no Catálogo galego de especies ameazadas.

Os labores de seguimento do sapoconcho no parque natural comezaron o pasado outono, coa recollida sobre o terreo dos datos base de partida, e esta primavera realizáronse novas mostraxes para completar a información.

Á vista dos resultados, confirmouse que a poboación de sapoconchos das dúas charcas de Olveira nas que están asentados amosan síntomas de crecemento. Así, tal e como se expuxo durante a visita, detectáronse 16 exemplares novos en 2022 e outros 6 máis nas mostras realizadas desde abril deste ano. Ademais, a taxa de supervivencia estimada é dun 90% anual, valor que se considera elevado para esta especie.

Por este motivo, a conselleira subliñou que os datos recompilados no marco do proxecto para o seguimento do sapoconcho europeo en Corrubedo —financiado con fondos europeos do Next Generation-UE— permiten concluír que este réptil goza “de boa saúde” no parque natural, ao tempo que puxo en valor a importancia das poboacións existentes en Ribeira para garantir a conservación da especie no conxunto de Galicia. De feito, cómpre lembrar que esta especie ten unha escasa presenza na Comunidade, que se limita aos vales dos ríos Arnoia, Avia e Louro, ademais do parque natural de Corrubedo.

O sapoconcho europeo (Emys orbicularis) foi reintroducido no ano 2004 na charca de Olveira, en Corrubedo, por un grupo da Universidade de Vigo (UVigo) liderado polo profesor Adolfo Cordeiro, o mesmo equipo que agora se encarga de analizar a taxa de supervivencia dos exemplares presentes nesta zona así como a súa estrutura xenética.

Nos últimos 20 anos a poboación foi medrando, tal e como permitiron constatar os seguimentos periódicos realizados desde 2010 e que arroxan unha media anual de individuos recapturados de entre 5 e 14.

Para facer as mostraxes os expertos da UVigo aplicaron nasas cebadas na charca de Olveira e en dúas próximas máis pequenas. Unha vez capturados, a cada individuo fíxoselle unha ficha completa e procedeuse á súa marcaxe cun transportador integrado pasivo para garantir o seu seguimento a largo prazo. Ademais, tamén se lle tomaron mostras de sangue para facer as análises xenéticas correspondentes e cuxas conclusións serán de utilidade para garantir a súa preservación.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...