A Delegación do Goberno en Galicia ultima nesta semana os dispositivos loxísticos e de seguridade para garantir que 2.225.962 electores e electoras poidan exercer o seu dereito ao voto nas eleccións municipais do próximo domingo. Segundo informa a Delegación, nestas eleccións Galicia porá nome aos 3.705 postos de concelleiros e concelleiras dos 313 concellos; 108 postos de deputados e deputadas nas catro deputacións provinciais e 8 postos de alcalde-pedáneo nas EATIM galegas (entidade de ámbito territorial inferior ao municipio).

A Delegación do Goberno en Galicia destina 3,4 millóns de euros aos custos derivados da loxística e a seguridade deste proceso electoral, “unha cantidade algo inferior á das anteriores eleccións locais, xa que coincidiron en data coas eleccións ao Parlamento Europeo”, explica, engadindo que “unha parte importante desta cantidade destinarase a aboar as indemnizacións ás máis de 21.400 persoas que traballan na preparación e no desenvolvemento da xornada electoral”. Entre elas, as 11.883 persoas membros de mesas electorais; os 2.580 representantes da administración, responsábeis da transmisión de datos nas mesas; e as 7.209 persoas membros dos Corpos e Forzas de Seguridade que velarán pola normalidade da xornada.
Nestes días a Delegación e as subdelegacións do Goberno traballan, en colaboración coas entidades locais de Galicia, para poñer a punto os emprazamentos onde se celebrarán as votacións, ata 2.360 locais en toda Galicia, que albergarán 3.961 mesas e urnas e 2.360 cabinas. Durante as últimas semanas, preparouse a documentación que será necesaria en cada unha das mesas (actas, instrucións, etc), e toda a papelería (sobres e papeletas) que debe estar accesíbel o domingo en cada un dos colexios electorais de Galicia.
Ao mesmo tempo, a Delegación participou en dous simulacros do sistema de transmisión de datos que empregan os representantes da Administración para trasladar datos de apertura e peche de mesas, avances de participación e escrutinio final. O último destes simulacros celebrouse este luns en toda España.
Electores
Do total do censo electoral, 2.216.522 persoas corresponden ao censo de electores residentes (CER) mentres que 9.400 son persoas do censo electoral de residentes estranxeiros (CERE). A Delegación lembra que “se ben o CER rexistrou unha diminución en 22.864 persoas (-1%), o CERE medrou en Galicia en 191 persoas, un 2%”. Ademais, 86.173 galegos e galegas exercerán o dereito ao voto por primeira vez neste proceso electoral.
Do total do censo, 55.179 persoas formalizaron a petición de voto por correo, así como 109 galegos e galegas que residen temporalmente no estranxeiro.



