A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e a deputada provincial de Igualdade, María Muíño, formalizaron este luns 17 de abril un acordo para facer realidade a edición dun volume que compilará as biografías de 40 mulleres recollidas na enciclopedia en liña Álbum de Galicia, habilitada polo CCG para visualizar na Rede as mulleres e os homes que contribuíron ao progreso galego en todas as súas manifestacións.
Na sinatura deste acordo tamén estivo presente a directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG, Carme Adán.
Segundo fixeron saber, trátase da primeira colaboración formal entre ambas as institucións. O acordo promove a realización de actividades de carácter cultural, especialmente seminarios, exposicións e encontros, que permitan analizar o papel das mulleres na historia e na cultura galegas. Ademais, o protocolo permite o desenvolvemento doutras accións.
“Este tipo de acordos contribúen a amplificar a acción que o Consello da Cultura Galega desenvolve en ámbitos tan necesarios como o da igualdade”, declarou Rosario Álvarez, quen puxo o foco na primeira acción contemplada neste acordo, “un volume que escolma mulleres pioneiras en ámbitos que encaixaban ben no rol que lles outorgaba a sociedade do seu tempo, pero tamén aquelas que romperon teitos de cristal en sectores tradicionalmente masculinizados”.
O libro, que se editará a través dos servizos da imprenta provincial, leva por título Tecendo xuntas: 40 mulleres de álbum e verá a luz nos vindeiros meses. “Esta colaboración enmárcase na filosofía da Área de Igualdade de impulsar de xeito activo todas aquelas accións que permitan avanzar no coñecemento, recuperación e recoñecemento do papel das mulleres e a súa incidencia na sociedade do seu tempo”, asegurou María Muíño.
Tecendo xuntas: 40 mulleres de álbum propón un itinerario histórico desde o medievo ata a actualidade, escrito en feminino por autoras contemporáneas de diversas disciplinas. O volume comeza coas biografías de Rosa María de Castro y Centurión, aristócrata da Casa de Lemos, escrita por Lucía Montenegro, e mais de Constanza de Castro, escrita por Marica Campo, e remata coa biografía de Rosalía Mera, escrita por Marilar Alexandre.