Un total de 170 doentes con cálculos renais da Unidade de Cirurxía Endourolóxica da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, do servizo de Uroloxía, xa se beneficiaron da ambulatorización da cirurxía percutánea con láser. Ao ser unidade de referencia internacional, os excelentes resultados e o elevado número de intervencións practicadas permitiron avanzar e converter os procedementos de cirurxía percutánea en ambulatorios, coas conseguintes vantaxes para os pacientes, sendo o primeiro centro en España en implantar un procedemento que permite unha alta tan precoz.
En concreto, realizáronse de xeito ambulatorio: 53 ureteroscopias para o tratamento de litiasis ureteral; 102 ureterorrenoscopias flexibles para o tratamento da litiasis renal; 15 nefrolitotomías percutáneas para o tratamento da litiasis renal complexa ou de maior volumen. O 92% dos doentes foron dados de alta no mesmo día, cunha estancia hospitalaria inferior a 12 horas. Tan só 3 pacientes (2%) tiveron que ingresar no primeiro mes da intervención, en ningún deles por complicación maior. Aos 3 meses, o 96% dos pacientes están completamente libres de litiasis trala intervención.
Así pois, segundo destaca Daniel Pérez Fentes, urólogo coordinador da unidade, “a ambulatorización da cirurxía percutánea endourolóxica, en casos seleccionados, supón un beneficio para o paciente e o sistema sanitario xa que o éxito da intervención e a súa seguridade non se ven afectados por realizar estes procesos de forma ambulatoria”, eso sí, “necesítase experiencia neste tipo de procesos e unha adecuada selección dos pacientes candidatos, -detalla Fentes ao tempo que subliña que- é fundamental a súa protocolización coa participación de diferentes especialidades”, xa que é necesaria a coordinación entre diferentes servizos: admisión, radioloxía, uroloxía, anestesia e a unidade da UCAP, onde o paciente permanece ata a alta a domicilio.
A experiencia deste programa ambulatorio ven de ser presentada na sesión plenaria da XXXII Reunión Nacional do Grupo de Endourología y Litiasis da Asociación Española de Urología, celebrada en Zaragoza e xa fora exposta en diferentes reunións internacionais en Portugal, Chile, Irán ou México. As vantaxes deste programa e os datos de actividade tamén veñen de ser publicados na revista Actas Españolas de Urología: “Resultados iniciales del tratamiento endourológico de la litiasis renoureteral mediante ureteroscopia flexible y cirugía percutánea en régimen de cirugía mayor ambulatoria en un centro de tercer nivel“. Martínez Corral et al. Actas Urol Esp 2003; 47:15-21.
Segundo subliña Daniel Pérez Fentes, coordinador da unidade “coa experiencia acumulada nestes meses fomos incrementando a complexidade das técnicas incluídas neste programa coa abordaxe percutánea a través dun orificio único de 5mm no costado do doente” quen engade que “dende sempre recollemos os resultados dos nosos procedementos coa finalidade de detectar e poder corrixir erros, mellorar e aportar nova evidencia científica” e esta sistematización permitiu avanzar no deseño dun proxecto asistencial para facer ambulatorios este tipo de procesos “coa axuda fundamental da coordinadora de cirurxía ambulatoria, Cristina Valiño e a do servizo de Anestesioloxía, Beatriz Carro, do Hospital de Conxo”, destaca o urólogo.
Na actualidade, o 20% das intervencións endourolóxicas que se realizan na sanidade pública compostelá poden abordarse de xeito ambulatorio, “é unha experiencia inicial, temos que ser moi estritos cos criterios de inclusión, lóxicamente, co programa consolidado e acumulando aínda máis experiencia, e, comprobando a seguridade e o éxito en máis tipos de casos, esa porcentaxe incrementarase”, afirma o doutor Fentes.