O Galiverso somerxido descúbrenos o patrimonio submarino galego con Realidade Virtual

05 Abril 2023

A Xunta de Galicia renovou a instalación de Realidade Virtual do Galiverso na Cidade da Cultura, estreada hai varios meses. Fíxoo cunha nova proposta que, coincidindo coa Semana Semana, permite descubrir o patrimonio galego oculto baixo as nosas augas.

En concreto, o Galiverso somerxido propón ao visitante unha viaxe en batiscafo virtual desde o que vivir a experiencia de mergullarse entre peixes, baleas e golfiños, transitar entre as bateas dedicadas ao cultivo do mexillón, coñecer o ecosistema que alberga pecios como o do Achondo (un pesqueiro vasco afundido preto das Cíes) ou explorar restos arqueolóxicos de episodios históricos como a batalla de Rande.

O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Manuel Vila, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, visitaron este mércores 5 de abril a instalación xunto á coordinadora da actividade, Fátima García Doval, e as mergulladoras da cooperativa 13graos que realizaron as gravacións submarinas coas que se deu forma a esta experiencia.

Segundo fixeron saber, no desenvolvemento do Galiverso somerxido traballou un amplo equipo humano e técnico con persoas expertas de ámbitos tan diversos como o submarinismo, a historia da arte, a comunicación e a divulgación, a bioloxía, a arte dixital e o patrimonio. “O resultado é unha travesía que difunde, a través das tecnoloxías dixitais e inmersivas, a importancia histórica, económica e medio ambiental dos nosos mares, así como a necesidade de implicar a cidadanía na súa conservación”, explicaron.

Tamén engadiron que para a captura das imaxes submarinas, os profesionais fixeron 18 inmersións en 12 xornadas, moitas delas en condicións de pouca visibilidade e a unha profundidade de ata 38 metros, obtendo fotogrametría de alta precisión de máis de 200 metros cadrados do fondo mariño. Ademais, deseñaron unha cámara 360º con carcasas especiais para a gravación en estéreo que permitise recrear na montaxe o efecto tridimensional da visión humana.

Desde terra, o labor consistiu en modelar e animar o comportamento, hábitat e aparencia das especies mariñas que viven nas augas galegas, “creando un ecosistema virtual cun elevado grao de realismo”, sinalaron.

Pola súa banda, o equipo de Maxina foi o responsábel de facer que baleas, golfiños, polbos, bosques de algas, plumas de mar e ata un cardume de 35.000 sardiñas habiten dentro do Galiverso somerxido.

No apartado arqueolóxico, especialistas do Museo do Mar de Galicia e do Museo Massó colaboraron na recreación do canón dun dos barcos afundidos na batalla naval de Rande, da ánfora que nos revela a importancia do transporte marítimo de mercadorías xa desde a época romana, ou do astrolabio co que os mariños se orientaban estudando a posición das estrelas antes de que se desenvolvesen os sistemas actuais de guiado por satélite.

O Galiverso somerxido pode visitarse, de maneira gratuíta, desde este mércores no Museo Centro Gaiás. A experiencia é accesíbel a partir dos 10 anos de idade e é necesario reservar previamente praza a través de Ataquilla e no Museo Centro Gaiás.

A sala dispón de seis cadeiras con cadanseu equipo de Realidade Virtual, e a exploración realízase de maneira simultánea. Unha narración (en galego, castelán ou inglés) acompaña a viaxe, ofrecendo instrucións sobre o funcionamento do batiscafo e explicacións da fauna, flora, obxectos e lugares que se poden ver no fondo mariño.

Os horarios de apertura son: martes a venres, en horario de tarde, de 16,00 a 20,00 horas, así como sábados, domingos e festivos (excepto luns), de 11,00 a 14,30 e de 16,00 a 20,00 horas.

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...