O Día da Ciencia na Rúa reunirá na Coruña medio cento de centros educativos de Galicia (tamén de Outes)

18 Abril 2023

O Parque de Santa Margarida da Coruña acollerá un ano máis a celebración do Día da Ciencia na Rúa. A cita celebrarase o vindeiro sábado 6 de maio. Os protagonistas principais serán as alumnas, alumnos e docentes de centros educativos de diversas localidades galegas que traen as actividades e experiencias que prepararon durante meses para convidar a cidadanía a descubrir, aprender e xogar coa ciencia e a tecnoloxía.

Esta xornada está organizada polo Concello da Coruña, a través dos seus Museos Científicos, a Asociación de Amigos da Cada das Ciencias e a Cátedra EMALCSA-UDC, ademais de coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Xiroscopios xigantes, análise de graxas nos alimentos, ilusións ópticas, hotel de insectos, electricidade con patacas, proxectos de xardinaxe, de robótica, de domótica, xogos matemáticos, experiencias para ver como de rápido funcionan as neuronas ou a extracción de ADN dun plátano son algunhas das moitas actividades que traen 49 centros educativos da Coruña, Betanzos, Culleredo, Ribadeo, Cambre, Carral, Coristanco, Ortigueira, Arteixo, Miño, Arzúa, Pontedeume, As Pontes, Outes, Zas, Poio, Oleiros e Cerceda.

Tamén participan coas súas achegas divulgativas numerosas entidades e institucións vinculadas á actividade científica. A Facultade de Ciencias e a Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña, a Agrupación Estratéxica do Centro de Investigacións Avanzadas (CICA), a Cátedra Emalcsa-UDC, o Centro Oceanográfico da Coruña, o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC), o Servizo Municipal de Educación da Coruña, a Asociación Luzada da USC ou a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

O programa inclúe, ademais, moitas outras actividades da man da Asociación Galega de Xadrecistas-AGAX, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Bricolabs, Ludo Sociedade Deportiva e Gallaecia Viva, UDCiencia d+i, ademais dun concerto da Banda Municipal da Coruña e un espectáculo de monólogos científicos da man de Ciencia Calidade.

Ademais, os Museos Científicos Coruñeses conmemorarán este día cunha xornada de portas abertas nos seus tres centros, a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae. A entrada será gratuíta no seu horario habitual.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión