A Xunta de Galicia abrirá mañá martes o prazo de solicitude de praza tanto nos campamentos como nos campos de voluntariado en Galicia da Campaña de Verán de 2023. No caso do programa de campamentos, o prazo de presentación de solicitudes será de dez días hábiles, logo de que hoxe se publicara no Diario Oficial de Galicia (DOG) a súa convocatoria. Pola súa banda, as bases que regulan a oferta de prazas nos campos de voluntariado poden consultarse na páxina web de Xuventude.
A campaña de verán deste ano ten como lema ‘O verán que sempre vas lembrar’ e contará cun total de 11.200 prazas para mozas e mozos entre os 9 e os 30 anos de idade en campamentos, campos de voluntariado (en Galicia, noutras Comunidades Autónomas e no estranxeiro), minicampamentos e outras propostas. En total, a Xunta pon a disposición da xente nova 36 instalacións para o desenvolvemento dos campamentos e 46 campos de voluntariado, incluídas as cinco quendas das Cíes.
Entre as novidades do programa destaca un novo campamento na Illa de San Simón, en Redondela e o desenvolvemento de novos campos de voluntariado en en Santa Comba, Viana do Bolo e Pantón. Así mesmo, os concellos de Vilar de Santos e Allariz compartirán un campo de voluntariado; e en Castro de Rei terá lugar outro específico para mozos galegos no exterior. Ademais, recupéranse os intercambios con Madrid e Cantabria e se pon en marcha un novo en Castela-A Mancha.
As solicitudes para os campamentos e os campos de voluntariado presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, ben a través da sede electrónica da Xunta de Galicia para o caso dos campamentos, ou ben mediante formulario en liña na páxina de Xuventude no segundo caso.
A programación estival complétase coa proposta ‘Coñece Galicia’ en establecementos turísticos da Comunidade Autónoma, que se dará a coñecer en vindeiras datas.