O Museo do Gravado de Artes, en Ribeira, foi este venres 31 de marzo un fervedoiro de público con motivo dunha dobre actividade cultural.
Por unha banda, tivo lugar no Museo a inauguración da exposición Picasso. Gravados ao Linóneo e, pola outra, a presentación do libro Unha historia da arte galega, de Carlos L. Bernández, estreito colaborador desta casa.

O evento contou coas intervencións de Javier Expósito Paradela, vicepresidente da Fundación do Museo de Artes de Gravado; Anxo Lorenzo Suárez, Secretario Xeral de Cultura, Pastor Rodríguez, director do Museo do Gravado, María Xesús Blanco, presidenta da Asociación Barbantia, Carlos L. Bernárdez, historiador e crítico de arte e Manuel Ruiz Rivas, presidente da FMAG e alcalde de Ribeira.

A mostra Picasso. Gravados ao linóleo fai un achegamento pormenorizado a unha das técnicas favoritas do pintor malagueño, o linogravado, na que traballou profusamente a cabalo entre a década dos cincuenta e a dos sesenta do século pasado.

Polo que se refire á obra Unha historia da arte galega, do historiador Carlos L. Bernández é un percorrido pormenorizado polas expresións artísticas propias da nosa terra, desde as mámoas e os petróglifos ata as tendencias estéticas das últimas décadas. Vén da man de Laiovento e inclúe máis de 300 páxinas.



