Ribeira avanza no seu proxecto de Cidade Intelixente

13 Marzo 2023

O Concello de Ribeira, no marco das liñas de traballo da estratexia EDUSI Máis Ribeira Atlántica, vén de ampliar a transformación dixital municipal mediante varias iniciativas concretas do ámbito Smart City. Iniciativas como por exemplo a renovación das páxinas web e a súa infraestrutura de telecomunicacións, a modernización da sede electrónica, a incorporación de sistemas de gravación e de retransmisión de eventos e a procura de solucións en materia de seguridade viaria e cartelería dixital.

“Esta aposta polas novas tecnoloxías ten como obxectivo modernizar o día a día da gobernanza municipal, tanto na xestión interna como de cara ao cidadán, adecuando os servizos ás necesidades actuais e habilitando trámites administrativos máis áxiles e eficientes”, explicaron fontes do Concello, engadindo que “estes servizos públicos renovados melloran a seguridade e o benestar dos veciños e están aliñados cos parámetros de eficiencia e sustentabilidade, amais de contribuír a reducir a fenda dixital existente entre o mundo rural e o urbano e contribuír á dinamización social e económica do municipio”.

Novas páxinas web do Concello de Ribeira

No marco desta liña de actuacións, xa está en marcha un novo portal municipal que dende o concello cualifican como “máis dinámico, intuitivo, áxil, visualmente atractivo, accesíbel e responsive, que se adapta a calquera dispositivo móbil”. Foi realizado pola empresa ASAC Comunicaciones S.L., que resultou adxudicataria do correspondente contrato municipal. Entre as súas principais novidades están a incorporación de novas na páxina principal cunha axenda de eventos e de actividades, a habilitación de información do propio Concello cunha sección específica e o Portal de Transparencia, cos que se cumpre a normativa aplicábel en materia de transparencia e acceso á información. Ademais, permítese a tramitación de xestións a través da sede electrónica, incorpórase unha caixa de correos para o rexistro de incidencias e habilítanse un formulario de consulta e datos de contacto e os accesos ao perfil do contratante e a páxinas web do Concello e de terceiros.

Tamén está xa operativa a nova aplicación móbil complementaria da páxina web, que permitirá transmitir incidencias, recibir novas ou acceder á plataforma comercial Ribeira Store, impulsada polo Concello, que se pode descargar gratuitamente tanto no Play Store como na App Store de Apple.

Tamén se puxo a disposición de veciños e visitantes unha nova web de Turismo (turismo.ribeira.gal) que recolle información sobre os principais atractivos e recursos turísticos da localidade.

Modernización da sede electrónica

O obxectivo da modernización da sede Electrónica é “axilizar a tramitación dos expedientes” e “lograr unha maior coordinación interna e unha mellor comunicación cos cidadáns, que agora dispoñen dunha plataforma que lles permite realizar os trámites de maneira máis sinxela”, explicaron fontes do Concello, engadindo que “grazas a unha nova solución tecnolóxica para a presentación de documentos na Oficina de Atención Cidadá, a través do sistema de interconexión de rexistros (SIR), pódense suprimir os envíos de papel entre administracións ao xerar copias auténticas electrónicas da documentación presentada”.

Esta sede electrónica posibilita a interconexión coa Plataforma de Intermediación do Estado autenticándose coa Cl@ve PIN, e non só co certificado dixital ou DNI electrónico, como se facía ata o de agora, e propicia a acreditación de representantes ou apoderados.

“Con todo isto acádase unha solución tecnolóxica que permite a recepción, identificación e seguimento de avisos, queixas ou suxestións e disponse dun taboleiro edictal único no que acceder a todas as publicacións locais oficiais”, apuntan fontes do Consistorio, salientando que amais de todo isto “posibilítase aos veciños, por exemplo, xestionar unha cita cun departamento ou edil da Corporación ou coa Alcaldía”.

O Mercado Municipal, co seu sistema de información dixital para a veciñanza

Cartelería dixital

En canto ás accións de cartelería dixital, instaláronse seis pantallas de gran formato e alta resolución, tres interiores e tres exteriores, que serven para informar á cidadanía sobre diferentes asuntos municipais e tamén para difundir información emanada dos propios cidadáns. En concreto, os paneis interiores instaláronse na Casa do Concello, na entrada do Mercado Municipal e na entrada do Complexo Polideportivo da Fieiteira; e os exteriores, nas fachadas da Casa do Concello e da Sala Museo Municipal e na contorna da Oficinal Municipal de Turismo.

Trátase de paneis intelixentes e conectados en liña mediante un reprodutor multimedia de contidos capaz de transmitir fotos, vídeos, arquivos PDF, audio, redes sociais ou páxinas HTML, controlados mediante unha plataforma software de control e xestión de contidos instalada na nube.

Elementos do sistema de retransmisión do Pavillón da Fieteira

Sistema de gravación e retransmisión de eventos

No marco destas actuacións tecnolóxicas, habilitouse tamén un innovador sistema de gravación e de retransmisión de eventos que funciona a través dun sistema de cámaras e elementos de son fixos instalados no Pavillón Municipal e no Campo de Fútbol da Fieiteira. Este sistema permite a realización e emisión de eventos de forma automática ou con realización manual e conta con sistema de control, xestión e axendado de eventos.

Actualmente, estanse a facer probas de gravacións de partidos que xogan equipos de Ribeira de diferentes categorías, como o Cidade de Ribeira C.F. ou o C.B. Baloncesto Barbanza. Estes encontros poderán verse na páxina web e na canle de YouTube do Concello.

Cargador de móbiles do Consistorio

Renovación da infraestrutura de telecomunicacións do Consistorio

En base ás necesidades do Concello de Ribeira en materia de comunicacións electrónicas e procesamento de datos (debido ao uso máis intensivo das TIC nos seus servizos), mellorouse a rede de cableado para facilitar o acceso ás tarefas de administración electrónica ao persoal do Concello e realizouse a adecuación do Centro de Procesamento de Datos (CPD) e o seu correcto dimensionamento e acondicionamento para que poida converterse no centro de control de todas as instalacións e servizos informáticos do Consistorio, cumprindo cos parámetros de calidade de servizo e de seguridade.

Amais, instaláronse cargadores para dispositivos móbiles (dous tipo USB e un de carga rápida ou quick charge) nos soportais da Casa do Concello, a disposición de todos os veciños.

Solucións para mellorar a seguridade viaria

Outra das actuacións que xa está adxudicada consiste na posta en marcha de mecanismos e solucións innovadores intelixentes que reduzan a siniestralidade de viandantes e ciclistas nos pasos de peóns. Ao abeiro desta liña de traballo propúxose a instalación de sinalización LED vertical e horizontal, balizas con paneis solares integrados, luminarias LED, elementos de detección de peóns, radares pedagóxicos con display LED e diferentes elementos de concienciación en materia de seguridade, na forma de pictogramas, en catro pasos situados na avenida da Coruña, no acceso a Ribeira dende Palmeira.

Investimento

Esta operación enmárcase na EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020 (MRA2020), financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020 (actualmente integrado no Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) FEDER 2014-2020).

En concreto, adscríbese á Liña de Actuación denominada A12 Modernización da Administración e Smart Village Ribeira, dentro do Obxectivo Temático 2 de Mellora do uso e a calidade das tecnoloxías da información e da comunicación e o do seu acceso.

O investimento total previsto para esta actuación foi de 600.000 €, do cales 480.000 corresponden a fondos FEDER, mentres que os 120.000 € restantes son achegados polo Concello de Ribeira.

Outros artigos

Concentración en Ribeira tras un nuevo crimen machista en A Coruña

Un novo crime machista sacode A Coruña. Un home matou ao seu exmujer no piso que esta habitaba na cidade herculina, aumentando así o número de feminicidios en Galicia. O presunto autor xa foi detido polas autoridades. En resposta a esta situación, o colectivo...

+

Xa está a operativa a senda de Teira (Corrubedo)

O Concello de Ribeira informou este luns 16 de xuño de que xa está operativa a nova senda de Teira: habilitada para o tránsito seguro para os peóns logo dunha reforma integral levada a cabo pola brigada de Obras do Concello de Ribeira. Co obxectivo de mellorar o...

+

Ribeira celebra o Día da Bici con máis de 400 participantes

Ribeira viviu este domingo unha xornada festiva co Día da Bici, un evento organizado pola Concellería de Deportes en colaboración co Club Os Saltamontes, a Asociación de Veciños de Carreira, a Policía Local, GAEM e Protección Civil. Máis de 400 persoas de todas as...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A morte do cadelo”. Luís Celeiro

“A morte do cadelo”. Luís Celeiro

Morreu o seu can, Xambrailo, e aínda anda coa dor no peito, nos ollos mollados, no corazóne na alma. A súa alma é tan grande que o ocupa todo, o que se ve e o que está detrás doque se ve, o de arriba e o de abaixo. El di, con toda a súa sabedoría no falar e con...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.