Este 8 de marzo celébrase o Día da Muller e entidades como o Consello da Cultura Galega están a envorcar esforzos para converter a Rede galega nunha gran conmemoración (unha conmemoración que no caso do CCG esténdese a todo o ano, principalmente a través do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, o CDIF). Entre as accións concretas para este 8-M programadas inclúese (en colaboración coa Filmoteca de Galicia) a proxección de audiovisuais que foron producidos ou dirixidos por mulleres (ciclo Olladas de muller); a publicación de dúas novas cabaceiras para reivindicar os movementos feministas e LGTBIQ+ na historia contemporánea; a actualización da web Álbum de Galicia cunha entrada do colectivo Mulheres transgrendindo; e a publicación, no portal de divulgación en galego Proxector, dun especial que xunta vídeos sobre a situación das mulleres.
A primeira das accións desenvolvidas polo CCG arrincou o pasado 3 de marzo co xa tradicional ciclo de cinema Olladas de muller que busca amosar a creación vencellada a Galicia, con traballos que “amosan a notábel e plural nómina de nomes propios femininos e, polo outro, unha serie de destacados traballos do cine estatal e internacional recente”. O programa desenvolvido en colaboración co CGAI estrutúrase nesta edición en 10 sesións, a maioría delas compostas por unha longametraxe xunto a unha curta de autoría galega. No marco deste ciclo poderase ver a autoficción da premio Nobel de Literatura Annie Ernaux Los años de Súper 8, que dará paso aos efluvios da Nouvelle Vague en estado puro de La amiga de mi amiga de Zaida Carmona. Unha aproximación a Isak Dinesen, Karen de María Pérez, impregna tamén a correspondencia no espello con La visita y el jardín secreto de Irene M. Borrego, ou o misterio da artista Isabel Santaló e as lembranzas de Antonio López. Os abusos sexuais de El techo amarillo de Isabel Coixet, o nacemento dun fillo en Tempo comum de Susana Nobre e o periplo carcelario de 981 Gau de Arantza Santesteban. Canda a eles, veranse os últimos traballos de Sonia Méndez, Xisela Franco, Maria Ruído, Adriana Páramo, Rosario Sarmiento, Diana Toucedo, Carla Andrade, Alicia López, Cora Peña ou Lucía Estévez.
De Proxector a Álbum de Galicia
Xa máis preto da data, os diferentes departamentos do CCG prestan atención á reivindicación nas súas liñas de traballo. O Álbum de Galicia incorpora a entrada do colectivo Mulheres Transgredindo, unha nova incorporación dun colectivo existiu entre 2003 e 2010, en torno á Casa Encantada, casa okupada situada daquela na rúa Castrón D’Ouro de Compostela. Un grupo numeroso de mulleres de diferentes tradicións políticas que coincidían na forma de entender a loita feminista. A entrada, foi asinada polo propio colectivo, que se disolveu en 2010, en parte pola desaparición do espazo e en parte pola creación da Rede Feminista Galega. O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, CDSG, dedicou ás Mulleres que abriron as fendas que nós cruzamos os contidos deste mes de Proxector, iniciativa que desenvolve coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Unha ducia de recursos audiovisuais permiten coñecer a figura de mulleres que foron referentes en diferentes eidos, como a filosofía, a xeoloxía, a enfermería, a química ou as matemáticas.
Ademais, este martes botou a andar EscriturAs, un ciclo coordinado por Inma López Silva que busca reflexionar, desde unha perspectiva feminina e feminista, sobre os cambios experimentados nos discursos artísticos, xornalísticos e intelectuais durante os últimos anos. Marilar Aleixandre e Laura Fernández protagonizaron a primeira sesión.
Ademais, no marco do proxecto A Saia ofrécense dúas cabeceiras. Dunha banda, Xénero Humano, publicación institucional ilustrada editada en Ourense coa pretensión de abranguer todo tipo de asuntos de interese relacionados coas mulleres desta cidade: temas a debate, memoria, mulleres destacadas e acción institucional. Formou parte dos plans de igualdade promovidos polo Concello de Ourense, editor dos tres números e autodefiniuse como ferramenta para a igualdade. Desta publicación destaca, polo seu valor histórico, a reprodución de fotografías procedentes de arquivos familiares e públicos. Da outra banda, preséntanse os 15 números que conforman a terceira xeira da segunda época da publicación de Andaina. Revista galega de pensamento feminista (2009-2013). Nadia Álvarez Fernández, Ana Arellano, Patricia Arias Chachero, Celia Balboa Guerra, Ana Luisa Bouza Santiago, Dalila Dopazo, Zélia Garcia, Laura Gómez Lorenzo, María Teresa Gómez Louzao, Pilar Pérez Rey, Saleta de Salvador Agra, Nanina Santos Castroviejo, Iria Vázquez e Estrela Villaverde conforman o consello de redacción que mantén continuidade na numeración, seccións e número de páxinas, aínda que actualiza o deseño.