A Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente anunciou a oferta turística desta Semana Santa en relación co arquipélago das Illas Atlánticas. En concreto, a Consellería anunciou que serán habilitadas 650 prazas para coñecer as Ciés e Ons, a través de 35 rutas guiadas e de carácter gratuíto. Para participar, as persoas interesadas poden reservar xa a súa praza en liña a través da central de reservas do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas ou agardar ao propio día da súa visita para facelo de forma presencial nas casetas de información instaladas nas illas.

Estas visitas, dirixidas por guías profesionais do Parque, pretenden “contribuír a dar a coñecer entre os visitantes o patrimonio natural e ambiental de ambos arquipélagos así como aspectos destacados da súa historia”, sinalou Medio Ambiente, engadindo que “todas as rutas están pensadas para grupos reducidos para garantir unha experiencia de calidade e personalizada, á vez que se preserva a contorna”.
En concreto, as persoas interesadas poderán escoller entre rutas como Cíes, unha illa de paisaxes ou Ons, unha illa con 2 caras, nas que visitarán miradoiros e nas que se abordarán cuestións xerais sobre os seus valores naturais. No caso de Cíes, unha viaxe no tempo e Ons, un pobo no mar trataranse aspectos de carácter histórico-etnográfico.
A maiores, tamén se ofrecerán outras rutas máis curtas e específicas como Entre mareas, O secreto da praia de Rodas, Silencio! Píase ou Por que a auga está tan fría?, que amplían o coñecemento dalgúns valores naturais especialmente relevantes como a zona intermareal ou o complexo lago-duna de Rodas.
As devanditas rutas están recomendadas para público adulto, pero para os menores de 12 anos hai unha oferta específica denominada Illas a vista de paxaro. Estas rutas teñen dinámicas participativas coas que as aves irán presentando a paisaxe das illas á cativada participante. Están recomendadas para idades comprendidas entre 6 e 12 anos e os menores deberán ir acompañados na ruta por unha persoa adulta.
Cómpre lembrar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas vén ofrecendo de forma case ininterrompida este tipo de itinerarios guiados e de balde por Cíes e Ons, coincidindo cos períodos nos que se ofrece o servizo de transporte regular en barco a ambos arquipélagos.
De forma complementaria, o Parque Nacional ofrece esta primavera un total de 140 prazas para participar en rutas guiadas polos catro arquipélagos (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada), co fin de dar a coñecer entre os visitantes os seus principais valores e singularidades “nunha época do ano distinta ao verán” e na que, ademais, moitos procesos naturais se poñen en marcha nas illas. As visitas serán de balde e enmárcanse no programa Descubrindo o Parque Nacional.
A maiores, Medio Ambiente informa que en todas as illas existen itinerarios sinalizados pensados para visitantes que queiran practicar sendeirismo neste espazo natural. Cada unha destas rutas está marcada cunha cor e tanto nas propias illas como na web do parque hai dispoñibles folletos explicativos cos percorridos. Adicionalmente, no caso de Ons pódese facer a ruta sur de forma autoguiada a través do folleto Os nomes da illa, e outras dúas temáticas: Arqueoloxía en Ons e a Ruta do lagarto.



