
Un semisumerxible de fabricación artesanal foi localizado nas últimas horas fronte ás costas de Arousa e a Garda Civil e Vixilancia Aduaneira fixéronse cargo da investigación sobre esta embarcación, xa que todo apunta a que estaría vinculada co narcotráfico.
O achado da nave foi a unha milla mar dentro, fronte ao porto de Vilaxoán, cando estaba xa practicamente afundida. Ata a zona desprazáronse efectivos de Vixilancia Aduaneira e da Garda Civil, e xa se atopa no punto o barco de Salvamento Marítimo ‘Salvamar Sargadelos’, que ten porto base en Ribeira, para facer labores de apoio, por se vertese de combustible.
Polo momento descoñécense as circunstancias do afundimento da embarcación, e todo apunta a que non hai persoas no seu interior.




