A versión teatral de Arrainos, o libro de relatos Xosé Luís Méndez Ferrín (un dos grandes fitos da nosa literatura, un histórico monllo de narracións breves sobre meigas, caciques, contrabando e agrarismos que nos mergulla no irrepetíbel microcosmos rural de fronteira da Raia Seca que separa Ourense de Portugal), vai facer recalada en Rianxo o vindeiro 1 de marzo, da man de Sarabela Teatro. A cita será ás 20.30 horas na Sala Arcos Moldes do Auditorio Municipal. A entrada será de balde ata completar capacidade. A retirada de convites poderá facerse dende unha hora antes do comezo da función na billeteira do auditorio (máximo 2 por persoa).

Medias Azuis
Dous mozos (Fer González e Fran Lareu) van mocear con dúas irmás xémeas (Sabela Gago e Fina Calleja) de aparencia saudábel e belida. Dúas testemuñas (Elena Seijo e Fernando Dacosta) transfiren as súas emocións e perspectivas dos acontecementos. A promesa de namoro torna nunha situación arrepiante. Os mozos, ante a imposibilidade do gozo, dan en aldraxalas: ou as usan para o seu pracer ou para facer moca delas. A relación xira sobre o gozo e o pracer sexual ou da burla, nunca da igualdade. A atmosfera é recreada por outra testemuña, o músico (Vadim Yukhevich) que interpreta a maldición circular na que a noite de brétema vai engulir aos mozos.

Lobosandaus
Lobosandaus conta a historia dun mestre (Fran Lareu) destinado, na segunda década do século pasado, na escola unitaria dunha aldea arraiana. O mozo mestre envía cartas ao seu tío (Penitenciario da Catedral de Ourense) durante o primeiro trimestre do curso. A través das letras desenvólvese unha trama de posesión onde se conxugan o telúrico e o erótico, o mundo e o inframundo, e onde o brillo do fantástico aniña nunha calidade atmosférica e se nutre da forza desatada polo desexo. Nos confíns arraianos de Lobosandaus, a racionalidade perde o seu asento e o mestre cae baixo o dobre feitizo dos aires remotos e da fermosa Dorinda (Fina Calleja), mentres o espírito do capador (anarquista e agrarista) Nicasio Remuñán, (Fernando Dacosta) que perdeu a cabeza por ela en vida, peregrina do corpo aberto de Obdulia (Elena Seijo), en corpo aberto de Turelo (Fer González) para posuílos. Os dous son fillos de Aparecida (Sabela Gago), dona da pensión onde mora o mozo mestre, acompañados por un músico testemuña dos acontecementos (Vadim Yukhevich).
