O Centro Dramático Galego converte o Pazo de Fonseca no escenario das obras romanas de Shakespeare

07 Febreiro 2023

O Centro Dramático Galego estrea este xoves día 9 en Santiago de Compostela Shakespeare en Roma, que ofrece un achegamento inédito e singular ás catro pezas que o gran dramaturgo inglés ambientou no Imperio Romano (Coriolano, Xulio César, Antonio e Cleopatra e Tito Andrónico), condensadas en pouco máis de dúas horas a partir de catro olladas dramatúrxicas diferentes e levadas a escena por outros tantos equipos de dirección cun mesmo elenco de oito intérpretes. O proxecto, no que participa Quico Cadaval (Ribeira, 1960), conectarase directamente cos concellos da nosa comarca, que participarán do bus fretado polo CDG para levar a Santiago ao público interesado en asistir ás representacións.

Presentación do proxecto teatral en Santiago, nunha imaxe de Xoán Crespo

Na súa presentación, o conselleiro de Cultura Román Rodríguez fixo fincapé nas particularidades da nova produción da compañía pública galega durante a presentación celebrada no Pazo de Fonseca, que ata o 2 de abril transfórmase en escenario teatral para acoller as 39 funcións da montaxe.

Rodríguez agradeceu publicamente ao reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, a colaboración institucional que posibilita a utilización deste emblemático espazo para os ensaios e as representacións de Shakespeare en Roma, así como “o desenvolvemento de diferentes accións de divulgación cultural arredor desta proposta para o alumnado universitario”.

O conselleiro e o reitor estiveron acompañados neste acto polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e o e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, así como por unha nutrida representación do equipo artístico e técnico do espectáculo. En nome del, tomaron a palabra o director portugués Rui Madeira, á fronte da peza Coriolano; María Barcala e Xúlio Lago, de Xulio César; Sara Rey, de Antonio e Cleopatra, e Quico Cadaval, de Tito Andrónico, así como Sheyla Fariña, en representación do elenco do que tamén forman parte Xurxo Cortázar, Cris Iglesias, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Fran Peleteiro, Santi Romay e Toni Salgado.

Oito intérpretes para 47 personaxes

Estes oito intérpretes poñen en escena os 47 personaxes desta proposta, desenvolvida a partir das dramaturxias creadas ex profeso polo autor ucraíno Volodymyr Snegurchenko para Coriolano e as galegas Ana Carreira para Xulio César, Ana Abad de Larriva para Antonio e Cleopatra e Lorena Conde para Tito Andrónico.

Pola súa banda, o dúo Saturna asina o deseño de vestiario; Xosé Lois Romero, o espazo sonoro, e Juanjo Amado, a iluminación, mentres que Keka Losada e José Díaz encárganse respectivamente da asistencia de dirección e de produción.

Coa elección dun espazo non convencional para Shakespeare en Roma, o Centro Dramático Galego enfronta “un importante reto artístico e técnico para imbuír o público no ambiente e o espírito dos orixinais asinados polo británico”, segundo se fixo saber na presentación.

Coa guerra de Ucraína como pano de fondo, a montaxe do Centro Dramático Galego conecta o presente, o período isabelino e a Roma clásica para propoñer unha reflexión sobre a recorrencia dos conflitos bélicos, a violencia e a loita polo poder. Estes tres factores guían o destino dos personaxes de Shakespeare en Roma, co foco posto nalgúns dos secundarios presentes nos catro textos.

Impulso en mobilidade

O conselleiro engadiu que con Shakespeare en Roma a compañía pública continúa avanzando tamén na mobilidade, a través da posta a disposición de transporte a Santiago desde distintos concellos galegos co programa #Sobeaobusdoteatro, ao tempo que na inclusión como liñas básicas de servizo público. Así, en Fonseca manteranse as funcións descontraídas dos mércores, nas que as representacións lévanse a cabo nunha atmosfera máis relaxada do habitual para facilitar a asistencia ao teatro e a comodidade de persoas con déficit de atención, espectro autista ou deficiencias intelectuais ou sensoriais.

As entradas para o novo espectáculo do Centro Dramático Galego, todas elas programadas ás 19,00 h., poden adquirise por adiantado na web www.entradasataquilla.com a un prezo de 10 euros, sobre o que se aplican os descontos habituais, e de 6 euros para os domingos, día do espectador. Instalarase, ademais, un despacho de billetes no Pazo de Fonseca, que abrirá ao público unha hora antes do comezo das representacións.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...