O servizo de emprego da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) rexistrou un incremento dun 4% no número contratacións durante o ano 2022, unha mellora que vai por bo camiño pero “aínda non rexistra os niveis dos datos conseguidos nos anos anteriores á pandemia, existindo unha diferenza dun 14% menos de persoas inseridas respecto ao ano 2019, no que se rexistraban máis de 2.200 persoas”, apunta Mari Carmen Ínsua, coordinadora do servizo de emprego de COGAMI.

Malia así, un total de 1.892 persoas con discapacidade foron inseridas no mercado laboral a través do servizo de emprego de COGAMI (SIL), destas, o 10% ten unha discapacidade igual ou superior ao 65%. Moitas das insercións foron a través das 1.212 ofertas de emprego lanzadas polas empresas galegas, para favorecer a inclusión laboral dun grupo social que aínda rexistra altas taxas de paro, chegando a duplicar as da poboación total.
Para captar estas ofertas, o equipo de emprego do SIL, formado por preto de 50 profesionais que atenden tanto nas oficinas das sete cidades galegas como tamén se despraza ata as zonas rurais evitando o desprazamento das persoas usuarias que residen neses concellos, realiza visitas a empresas como as efectuadas ás 359 novas durante o ano 2022.
En palabras de Mari Carmen Ínsua “hai que seguir traballando a favor da inclusión a nivel xeral da sociedade e animamos ao empresariado galego a que perda os medos que poida ter á hora de contratar a persoas con algún tipo de discapacidade”. Ademais engade que “en COGAMI estamos á disposición para calquera tipo de resolución ou inquedanza neste sentido”.

O equipo de emprego mantén entrevistas individualizadas coas persoas que contactan co servizo, para asesoralas, orientalas e trazarlles itinerarios laborais personalizados. En 2022 foron máis de 7.000 orientacións laborais as realizadas por esta área.
Cando unha persoa chega a COGAMI na busca de emprego, pasa a formar parte dunha base de datos que actualmente rexistra 17.801 persoas inscritas con discapacidade e /ou incapacidade laboral para profesión habitual, distribuíndose deste xeito: na oficina de A Coruña 3.222; en Ferrol 2.117; en Santiago son 2.556 as persoas inscritas; en Lugo 1.575; en Ourense están recollidas 2.109 persoas; en Pontevedra son 2.960 as inscritas e Vigo rexistra o maior número con 3.262 persoas con discapacidade apuntadas como demandantes de emprego.
“O perfil maioritario das persoas que forman parte da nosa base de datos sería home, cunha franxa de idade comprendida entre 41 e 55 anos e con estudos primarios básicos”, informa Ínsua.