Na mañá deste 9 de febreiro celebrouse no Restaurante Xoanes, gañador do Concello de Boiro, a entrega de premios da edición do ano 2022 da Ruta de Tapas Barbanza Arousa. Esta iniciativa anual da Mancomunidade Barbanza Arousa ten o obxectivo de “pór en valor a enogastronomía do territorio, tanto o produtos do mar coma os viños da IXP Terras do Barbanza e Iria”. Ademais, reivindica estes produtos como recursos “desestacionalizadores”, posto que teñen unha grande capacidade de atracción da demanda en meses de tempada baixa, como son novembro e decembro. Por Ribeira impúxose Golimbreo, Menphis por Rianxo e El Olivo Blanco pola Pobra do Caramiñal

Este ano, como novidade os premios para os usuarios foron experiencias turísticas no territorio “coa arela de xuntar o recurso enogastronómico coa natureza, cultura e turismo activo”, informaron dende a mancomunidade formada polos Concellos de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo, engadindo que estas experiencias consistiron nun bautismo de mergullo da man da empresa Palmira Scuba, nun paseo en barco pola ría posibilitado por Oceanic Tours Arousa, en entradas para un evento no establecemento A Pousada da Galiza Imaxinaria e nunha comida para dúas persoas no restaurante O Curral do Marqués.
Colaboraron tamén as adegas da IXP Terras do Barbanza e Iria do territorio como son Entre os Ríos, Saborido e Cazapitas.
Esta pasada edición a Ruta de Tapas tivo unha participación récord en número de establecementos, superando os 60, e tamén de usuarios, que manifestan a súa satisfacción pola participación desta iniciativa.
O presidente da entidade e alcalde de Boiro, José Ramón Romero, agradeceu a implicación e a participación e manifestou que “dende a Mancomunidade Barbanza Arousa estamos e estaremos ao lado da hostalería. Entre todos podemos xerar iniciativas e proxectos en colaboración que dean pulo ao noso empresariado e ao noso destino”.



