Mar investirá este ano 3 millóns en renovar o alumeado de sete portos da nosa comarca con tecnoloxía LED

03 Xaneiro 2023

A A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este martes 3 de xaneiro o porto de Muros, onde anunciou que o seu departamento, a través de Portos de Galicia, vai investir este ano arredor de 3 millóns de euros na renovación do alumeado de preto dunha trintena de portos autonómicos. “As actuacións”, dixo, “permitirán instalar novos equipamentos, luminarias e proxectores con tecnoloxía LED e software de telecontrol co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e as condicións de iluminación das contornas portuarias reducindo o máximo posible a contaminación luminosa”.

Estes traballos, que en Muros contan cun orzamento de máis de 230.000 euros, realizaranse en tres portos da provincia de Lugo, (Ribadeo, Burela e Viveiro-Celeiro), en catorce da provincia da Coruña (Cariño, Cedeira, Sada, Malpica, Laxe, Fisterra, Cee, Muros, Portosín, Aguiño, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Cabo de Cruz e Rianxo) e nove da zona sur: Vilanova de Arousa, O Xufre-A Illa de Arousa, Tragove (Cambados), O Grove, Portonovo, Combarro, Bueu, Cangas e Moaña.

Quintana engadiu que se instalará tecnoloxía LED con equipamentos de altas prestacións “deseñados especialmente para traballar en espazos portuarios pola súa resistencia en ambientes mariños e condicións meteorolóxicas adversas”. Ademais, dixo, “incrementarase a protección fronte a posíbeis sobretensións e implantarase unha capa tecnolóxica para o telecontrol da iluminación”.

A titular de Mar destacou que a maiores está en tramitación un contrato global para as tres provincias litorais (e preto dunha trintena de localidades) de renovación de firmes e pavimentos nas contornas portuarias así como a sinalización horizontal en explanadas e vías portuarias por importe de 1,6 millóns de euros.

A estes investimentos, explicou, “engádese tamén a instalación de defensas e medios de amarre en distintas dársenas, un contrato que xa se está a executar por importe de máis de 1,8 millóns de euros e que ten como obxectivo mellorar as condicións de traballo dos profesionais do mar”.

No caso concreto de Muros, as actuacións para a mellora da iluminación contan cun orzamento de máis de 230.000 euros e permitirán renovar 175 luminarias e proxectores. Por certo que os traballos inclúen tamén a retirada dos equipamentos actuais. Amais de dotar o porto con tecnoloxía LED, dotarase de sistemas de telexestión.

Quintana tamén salientou que no caso da renovación de pavimentos e firmes, Muros contará cun investimento de arredor de 120.000 euros que permitirá mellorar o estado da explanada existente xunto á lonxa e pintar zonas de estacionamento.

A maiores, Rosa Quintana lembrou que “o peirao muradán tamén está incluído no contrato global de dotación de defensas e medios de amarre”, cun investimento de 75.000 euros, ao tempo “que se está a traballar no proxecto de reposición da cuberta e acondicionamento do edificio da lonxa e os departamentos de usuarios por importe de máis de 380.000 euros”.

As obras na lonxa inclúen a impermeabilización da cuberta plana así como a substitución das zonas a dúas augas e a reposición dos elementos de desaugue. Ademais colocarase un novo falso teito suspendido, faranse algúns cambios na sala de poxas, pintaranse distintos elementos e mellorarase o alumeado existente.

Deste xeito, vanse destinar nos próximos meses máis de 800.000 euros a distintas melloras no porto de Muros.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.