O Concello de Outes, a través da súa área de Política Lingüística, reeditou un ano máis o programa de actividades O noso Nadal, co que buscou novamente “promover o uso da lingua galega, a creatividade e a decoración das vivendas e comercios no tempo de Nadal”.

Ao seu abeiro, convocáronse dous concursos. Por unha banda o de postais, cuxo obxectivo foi “estimular a creatividade, a inventiva e o uso da lingua galega entre os máis cativos da casa” pero tamén entre as persoas adultas, pois houbo diferentes categorías que abranguen a toda a poboación. Os premios deste certame consistiron en varios lotes de libros en galego e 300€ que se poden gastar no comercio do concello. Os galardóns, por certo, foron entregados esta finde, tal e como fixo saber o Concello dende o seu Facebook, achegando unha completa reportaxe fotográfica.

O segundo dos concursos foi o de decoración de Nadal que promoveu “que tanto veciñanza en xeral como negocios decorasen escaparates, xanelas e fachadas”. O xurado valorou novamente a creatividade, a orixinalidade, combinación de cores, composición, iluminación así como o uso da lingua galega. Houbo un primeiro premio de 200 euros e un segundo valorado en 100 euros. Os inmóbeis finalmente recoñecidos tamén foron compartidos polo Concello nas redes. O primeiro premio foi dar á Asociación ADISBISMUR, colectivo local a prol da integración de persoas con características funcionais diversas, e o segundo a Margarita Cereijo Tuñas.




