O Día das Letras Galegas 2023, dedicado a Fernández del Riego “un dos arquitectos máis importantes da nosa historia literaria”

07 Xaneiro 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe en Lourenzá no acto de apertura das celebracións das Letras Galegas 2023 dedicadas este ano a Francisco Fernández del Riego, coincidindo co 110º aniversario do seu nacemento. No acto salientou a oportunidade desta efeméride para dar maior visibilidade ao “gran legado histórico e intelectual” que deixou na lingua e literatura galegas así como nas principais institucións culturais de Galicia “un dos arquitectos académicos máis importantes da nosa historia literaria”.

O titular de Cultura da Xunta, que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, puxo de manifesto a propia produción de Fernández del Riego, como un dos máis prolíficos ensaístas do século XX e XXI, así como a que foi quen de estimular. “Os seus estudos permitiron afondar na visión historiográfica e material que existía sobre as distintas manifestacións da lingua e literaturas galegas a través do tempo e tamén enriquecer o uso da lingua”, expresou.

Tamén salientou o seu papel dinamizador da vida literaria, cultural e intelectual de Galicia, primeiro como fundador de Editorial Galaxia, e, xunto a Ramón Piñeiro, de Grial, a publicación que sería referencia da literatura en galego e das reflexións sobre Galicia, ao tempo que recordou o seu papel en numerosas asociacións e agrupacións a prol da lingua e das súas expresións, desde o Seminario de Estudos Galegos (que este ano celebra tamén o seu centenario) ata a Real Academia Galega ou a Fundación Penzol, que celebra o seu 60 aniversario e foi fundada por el e na que depositou o seu legado.

Actividades de homenaxe todo o ano

Román Rodríguez considerou “de auténtica xustiza” dedicar este ano a Fernández del Riego tendo en conta, ademais, que un “dos maiores legados que deixou foi a creación do Día das Letras Galegas como unha xornada que permitise atesourar e recoñecer a todos os que contribuíron a enriquecer a nosa lingua e ampliar o noso horizonte intelectual”.

Neste sentido, avanzou que a Xunta traballa xunto a outras institucións e entidades culturais galegas nunha programación “dinámica e ampla” para homenaxear ao escritor laurentino e poñer en valor o seu amplo patrimonio documental e intelectual. Ademais de ofrecer unha maior visibilidade á súa pegada histórica na literatura galega e nas principais institucións culturais de Galicia, o propósito é “exhibir a importancia e vixencia que teñen os traballos e obras de Del Riego para todos os galegos”.

Outros artigos

O Goberno de Ribeira reúnese coa veciñanza de Castiñeiras

O equipo de Goberno local de Ribeira mantivo este martes 28 de novembro unha reunión coa veciñanza na Casa da Cultura deCastiñeiras na que se abordaron distintos temas que afectan aos residentes da parroquia. Durante o encontro abordáronse cuestións relativas ás...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O falar das pedras”. Luís Celeiro

“O falar das pedras”. Luís Celeiro

O falar das pedras é moito falar. Din o que saben, o que pasaron e o que será. As pedras gardan as mensaxes do tempo, as raias dos anos, dos miles e millóns de anos e cóntannolo aos que as escoitamos, aos que as miran e as queren. Millóns de anos escribindo e deixando...