Este venres 3 de febreiro, ás 20.00 horas, o Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal dará cabida á presentación do libro Conversas comigo mesma & Emociones arrítmicas, da escritora local Anxos Castro Parada.
Ao acto asistirán, ademais da propia autora, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); María Regos, do grupo Lumieira; e Xulio Gutiérrez, tamén escritor.

Editado polo selo madrileño Diversidad Literaria, o libro é unha escolma poética de 160 páxinas, en galego e en castelán, na que a autora recolle pezas escritas ao longo de toda a súa traxectoria vital, dende a nenez. Nesta colección vital, Anxos Castro defende a poesía como “a forma máis máxica de comunicación de cantas existen”, que, asegura, “permíteme expresar co que máis me gusta, coa pluma, plasmando sobre o papel todas as miñas emocións”. O libro, explicaba nunha entrevista recente con La Voz, “contén toda a miña traxectoria literaria, desde que tiña 13 anos ata a actualidade, pois sempre fun gardando os poemas que xurdían de todo aquilo que me inspiraba ou me emocionaba”.
O libro foi previamente presentado en Boiro. Logo da cita na Pobra, darase a coñecer en Rianxo (10 de marzo) e en Ribeira (24 de abril).