A mostra de teatro afeccionado leva catro funcións ao Elma (A Pobra)

11 Xaneiro 2023

O Concello da Pobra, a través da súa área de Cultural, programou un completo programa de funcións teatrais para este comezo de ano, concretamente funcións de teatro afeccionado. A axenda comezará con catro espectáculos. Desenvolveranse os domingos da última quincena do mes de xaneiro e primeira semana de febreiro, ás 19.00 horas. A entrada é libre ata completar cabida no Teatro Cine Elma.

A concelleira da Cultura da Pobra do Caramiñal, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), explicou este mércores 11 de xaneiro que a nova edición deste ciclo conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña e que o obxectivo é “levar ás táboas a creatividade e talento de catro compañías constituídas por persoas interesadas no cultivo e a práctica da dramaturxia, aínda sen dedicarse profesionalmente a esta.” Xunto coa técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, a edil remarcou “o compromiso da Administración local para dinamizar a vida cultural do municipio, especialmente na estación outonal e invernal, como se constata coas funcións xa representadas no mes de novembro ou o teatro para escolares que terá lugar en próximas datas”.

Mimarte iniciará a programación no día 15 con A casa das cancións. O grupo ribeirense levará á escena un musical dirixido por Tania Fuegho e inspirado en mulleres valentes e apoderadas no cal as protagonistas fan unha introspección para visualizar todo o que deixaron atrás para volveren ser elas mesmas. Con este espectáculo, a artista de Mazaricos pretende introducir o teatro musical no Barbanza.

No día 22 será a quenda de República sideral, a cargo de Teatro Airiños. O texto da rianxeira Esther Carrodeguas alzouse co XIV Premio Barriga Verde (2020) para escritos de teatro de monicreques na modalidade para persoas adultas. Recrea a clásica farsa da cachaporra a través de personaxes de carne e óso que parodian un intento independentista da Illa de Arousa, en clave humorística.

O Club de Maiores de Boqueixón recalará no día 29 con Un morto moi vivo. Ramón Molina dirixe esta comedia de enredo na cal unha vintena de intérpretes amateurs soben ás táboas coa trama dun home avaricioso que simula a súa morte e organiza un velorio ao grande.

As sesións chegarán á súa fin xa no mes de febreiro; concretamente, no día 5, coa obra O Banco, da man de Teatro das Maniotas, do IES de Brión, que trasladará o público a Vilaxaxún, onde se artella un atraco que se atopa coa resistencia dunha axente de seguridade aspirante a policía local que non sabe usar unha pistola; situación que fai que aumente o caos do cal son testemuñas varias persoas da vila.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.