Foi un compañeiro do mergullador quen, ás 15:00 horas, alertou ao 112 Galicia de que facía unha hora que non o vían. Segundo indicaba, facían pesca submarina cunha embarcación entre a praia de Con Negro e a batería militar e engadía que o submarinista que desaparecera tiña alí a boia fondeada, a uns vinte metros da embarcación.
Acto seguido, desde o 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia, que mobilizou o helicóptero de rescate PESCA 1 para rastrexar a zona na que fora visto por última vez o pescador.
Ademais, o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención da Garda Civil, da Policía Local, do Servizo Municipal de Protección Civil e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Nestes momentos, os servizos de emerxencia traballan para localizar ao submarinista.