
O antigo emisario que atravesa a praia do Prado en Corrubedo, na zona coñecida como O Cantón, será en breve retirado deste areal logo do arranque dos traballos destinados a este cometido: unha actuación que ten lugar no marco dun proxecto de mellora de ecosistemas en enclaves naturais que veu confirmada unha achega de 100.000 euros procedente do Parque Illas Atlánticas de Galicia e que prevé nunha fase posterior unha ambiciosa rexeneración ambiental do entorno do río de Artes e o monte de San Alberto, incluíndo a repoboación con 9.467 árbores de especies autóctonas.
Así, tocante á actuación iniciada esta semana en Corrubedo, o que se pretende é retirar este vello emisario de PVC e formigón e 125 metros de longo, tanto na súa parte terrestre como na que está mergullada no mar, que ata entrada en funcionamento da EDAR da parroquia a mediados da pasada década viña vertendo de forma conxunta augas residuais e fecais.
Previamente, e coa fin de evitar alivios ocasionais da rede de saneamento que poida afectar á calidade das augas, estase a traballar na instalación dunha liña separativa nas rúas colindantes que diminúa o caudal que chega ata a estación de Campo da Agra na época de chuvias.
Ademais, no 2023 porase en marcha unha segunda intervención de mellora ambiental destinado a realizar tratamentos silvícolas sobre un total de 36,67 hectáreas repartidas entre o río Artes e o monte de San Alberte. Os obxectivos que se perseguen son a realización de actuacións de conservación de hábitats terrestres e especies, restauración de ecosistemas degradados, de conservación da biodiversidade, así como actuacións de eliminación e control de especies exóticas invasoras. O proxecto que se vai executar conleva a repoboación con 9.467 árbores das especies Quercus robur (carballo), Quercus suber (sobreira) e Quercus pyrenaica (cerqueiro).
No río Artes exponse a realización de rozas manuais para controlar a vexetación de competencia allea aos habitats de ribeira, favorecendo a expansión de especies vexetais de maior valor ecolóxico. Deste xeito, as actuacións permitirán a conservación do hábitat de bosques de ribeira o cal funciona como corredor ecolóxico ao comunicar o Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán coa maioría dos demais espazos naturais do concello, sendo por iso unha axuda á conservación de especies de fauna.
As actuacións propostas no monte de San Alberto están dirixidas á eliminación de especies invasoras de escaso valor ecolóxico como son a cortaderia, o eucalipto e a acacia establecendo posteriormente unha masa arbórea de especies frondosas autóctonas adaptadas ao monte.
A aplicación de todos estes proxectos supoñen a recuperación de ecosistemas nunha superficie de 50,5 hectáreas.
