Condenan a “O Chicle” a 14 anos de cárcere pola violación da súa cuñada

19 Decembro 2022

A Audiencia Provincial da Coruña condenou, como autor dun delito de agresión sexual, a catorce anos de cárcere a J.E.A.G. por violar a súa cuñada en xaneiro de 2005, cando tiña 17 anos. O tribunal tamén lle impuxo a prohibición de comunicarse coa vítima e de achegarse a ela durante vinte e dous anos, así como o pago dunha indemnización de 30.000 euros.
Os maxistrados consideran probado que o acusado, o 17 de xaneiro de 2005, tras telefonar á primeira hora da mañá en dúas ocasións á vítima para dicirlle que quería devolverlle un diñeiro ao seu pai, presentouse diante da súa casa e convenceuna, “aproveitándose da súa relación de parentesco”, para que subise ao seu coche, “aducindo que irían recoller ese diñeiro”. Tras entrar a menor no vehículo, o acusado, segundo a sentenza, “conduciu a gran velocidade” ata o parque San Mamede, no concello de Lousame, onde se sitúa a capela de San Lourenzo, “nunha contorna forestal”. Os xuíces subliñan que ese lugar é “moi pouco frecuentado a esa hora nun día como o dos feitos”. 
Unha vez alí, segundo a resolución, despois de intercambiar unhas palabras e facerse co teléfono da súa cuñada e gardalo, o condenado “sacou un coitelo grande e exhibiullo á vítima, á vez que llo pasaba a modo de advertencia do seu posible uso por cerca do corpo”. Os maxistrados relatan que coa arma branca “sempre na man”, díxolle que lle realizase unha felación, ao que a menor se negou. Entón, sempre segundo o relato de feitos probados da sentenza, requiriuna para que se espise, deulle un camisón para que o puxese, colocouse sobre ela no asento de copiloto e, “mantendo o coitelo na man e cerca do corpo da menor como ameaza”, violouna. Despois, díxolle que se relataba a alguén o sucedido “mataríaa a ela, á súa irmá e á filla da irmá, que tamén era filla del, ademais de matarse el mesmo”.
O tribunal asegura que, como consecuencia destes feitos, a denunciante “padeceu cambios substanciais na súa vida cotiá, con afeccións negativas nas súas relacións sociais, familiares, sexuais e afectivas”.
A Audiencia explica que os elementos de proba fundamentais son: a declaración da vítima, o testemuño da amiga á que lle contou o sucedido ese mesmo día e a declaración dos axentes que realizaron no 2005, acompañados pola denunciante e pola súa nai, a inspección ocular do lugar onde sucederon os feitos.
Os maxistrados entenden acreditado que a afectada “non alberga unha vontade vingativa” e aseguran que o seu relato é coherente, pois “non ten ningunha quebra lóxica ou coas regras da experiencia que impida a súa valoración”. Ademais, recalcan que é persistente porque a denunciante “sostivo de forma continuada a mesma versión dos feitos”.
O tribunal, ademais, afirma que “todos os elementos substanciais da súa declaración non variaron en ningún momento”, así como que o relato que a menor fixo ese día do sucedido á súa amiga e á súa irmá dota “de maior apoio aínda” a súa declaración. Os xuíces tamén resaltan que “os diversos elementos do relato da denunciante non foron refutados por ningún outro medio de proba”.
Na resolución, os maxistrados inciden na relevancia probatoria da forma en que a denunciante contou por primeira vez a unha amiga, no instituto, que fora violada polo seu cuñado. “O relevante é que non se trata de trasladar un feito que se afirme sucedido tempo antes, senón que se afirma que acaba de suceder. Tal dato reduce as posibilidades de preparación dun relato fabulado, pois é difícil soster que unha menor de 17 anos preparase ese escenario”, sinala o tribunal, que engade que tamén manifesta que a agresión sexual sucedeu “precisamente no día en que o propio acusado recoñece que non estaba no seu traballo”. Así, manifesta que o que podía esperar a denunciante naquel momento era que o seu cuñado estivese no posto de traballo, “de forma tal que se o que pretendía era imputarlle falsamente un encontro con ela, non é razoable que o fixese precisamente no seu horario laboral”.
“Todo o comportamento inmediato dela ese día é plenamente coherente con acabar de padecer un feito como o descrito e fai pouco probable que respondese a unha simple simulación”, subliña a Audiencia, á vez que indica que un dos axentes que participaron ao día seguinte na inspección ocular do lugar no que sucederon os feitos testificou que a menor “era moi clara e indicaba con precisión o que sucedera”.
Os maxistrados aseguran que son “completamente asumibles as conclusións do informe do Imelga do ano 2018, tanto respecto da crítica do informe do 2005 (de carencias e erros fala o informe do 2018), como respecto da existencia de pegada psíquica na vítima, compatible coa vivencia duns feitos como os denunciados”.
A Audiencia explica que o informe do 2018, realizado polo Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), analiza os dous informes anteriores. “Para os efectos de profundar no estudo crítico do informe no que pretende apoiarse a defensa, que foi emitido pola Unidade de Psicoloxía forense da Universidade de Santiago de Compostela, cómpre reflectir como neste novo informe se fai constar a imposibilidade de obter desa Unidade documentación fundamental do realizado no 2005”, sinalan os xuíces, que recalcan que a versión da defensa do acusado “non ten capacidade para suscitar as dúbidas razoables que impedirían ter por acreditada a versión da acusación”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso. 

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Valentía política”. José Manuel Pena

“Valentía política”. José Manuel Pena

Salen de sus hogares, todas las semanas, en busca de alimentos, medicamentes, bonos para viajes o alguna que otra ayuda económica para gastos extraordinarios. Estas familias acuden a alguna ong ó entidad social que las ayudan desde hace décadas e incluso, a algunas de...

“La felicidad”. José Antonio Constenla

“La felicidad”. José Antonio Constenla

En este mundo tan dado a poner días, etiquetas y estadísticas a la vida, lafelicidad no podía ser menos y la Red de Soluciones para un DesarrolloSostenible, dependiente de Naciones Unidas, ha establecido una serie decriterios que permiten medir si un país ofrece...