Miñones presenta unha acción en TikTok para involucrar á mocidade na loita contra a violencia de xénero

14 Novembro 2022

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, comezou a semana convidando á mocidade galega a construír “unha sociedade máis igualitaria”. Fíxoo durante a presentación dunha actividade creativa en TikTok que persegue involucrar aos mozos e mozas a partir de 13 anos na loita contra a violencia de xénero. A iniciativa, impulsada pola Delegación do Goberno en Galicia, forma parte da programación Meninas 2022 en torno ao Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o 25-N.

O delegado difundiu a acción no espazo xuvenil O Remanso, na Coruña, acompañado pola alcaldesa, Inés Rey; a subdelegada do Goberno na provincia, María Rivas; e a tiktoker galega Ireniusx. Ao acto asistiron unha trintena de mozos e mozas do IES Fernando Wirtz.

Nun plano máis concreto, o delegado convidou ás mozas e mozos a expresarse libremente a través da rede social TikTok, de forma individual ou en grupo, seguindo a proposta da Delegación do Goberno, “xa sexa con palabras, cantando, bailando ou como o queirades dicir: non á violencia de xénero”. José Miñones lembrou que 4.200 mulleres en Galicia contan actualmente con seguimento e protección de Policía ou Garda Civil por risco de sufrir este tipo de agresións e que 66 foron asasinadas en Galicia desde 2003, cando se empezaron a rexistrar os crimes machistas. “A violencia machista é unha realidade cruel e inxusta que se ceba co 50% da poboación e que non ten cabida na nosa sociedade”, recalcou.

A Delegación pon en marcha por primeira vez esta iniciativa en TikTok contando coa galega Ireniusx, que ten 6,6 millóns de seguidores na rede social. Ireniusx pendurará un vídeo o domingo pola tarde coa ilustración que realizará a partir do trazo realizado no acto deste luns 14 de novembro por unha moza e un mozo do instituto Fernando Wirtz. Unha vez publicado o vídeo, os usuarios de TikTok poderán compartilo e tamén están convidados a subir os seus propios audiovisuais contra a violencia de xénero coa etiqueta #25NGalicia e as mencións @Ireniusx e @delgobgalicia, nos días próximos ao 25 de novembro.

Outros artigos

Xoves 24, ceo despexado e temperaturas en ascenso

O xoves, Galicia estará baixo influencia anticiclónica, o que traerá unha xornada de transición meteorolóxica. Pola mañá, néboas e nubes baixas cubrirán o ceo, pero darán paso a ceos despexados en xeral. Pola tarde, poderán formarse nubes de evolución no interior, sen...

+

“Juan Carlos I, a DINA, as residencias” – José Manuel Pena

Moitos cidadáns continuamos pensando que a Democracia e o Estado de Dereito hai que defendelos cada día, fronte aos innumerables inimigos e contrarios á Xustiza Social e á Igualdade real entre españois. Neste sentido, e como galego, sinto vergoña por que o anterior...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión