Ao abeiro dunha subvención recibida da Consellería do Mar para proxectos de desenvolvemento local participativo, o Concello de Boiro vén de adquirir unha máquina biorecicladora que converte plásticos reciclados en obxectos cotiás. O concelleiro de Promoción Económica, Carlos Muñiz, acompañou ao alumnado do IES A Cachada nunha demostración deste aparello celebrada este mércores 9 de novembro pola mañá.
Segundo dixo, a adquisición desta máquina está englobada no marco do programa Boiro libre de plásticos, co que se pretende a mellora da calidade ambiental da ría de Arousa mediante a divulgación e accións formativas nas que se involucre a distintos actores relacionados co mar e ao alumnado do municipio. “O obxectivo desta actividade e deste programa é darlle unha segunda vida ao plástico en obxectos de uso diario”, afirmou o concelleiro.
O alumnado do IES A Cachada puido coñecer o uso da máquina biorecicladora, mediante a que tivo ocasión de crear obxectos para o uso cotiá a partir de refugallos de plástico. Esta actividade ten como finalidade influír sobre a importancia da conservación da biodiversidade ademais de promover a creatividade.