A Pobra analiza no 25-N as violencias exercidas contra a muller

26 Novembro 2022

Un videofórum centrou na Pobra do Caramiñal a programación deste 25 de novembro, no que cada ano se conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
O teatro cine Elma mergullouse no silencio co minuto en recordo de tódalas vítimas da violencia de xénero para, deseguido, dar paso á lectura do manifesto da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) a cargo da concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra). Esta proclama fai fincapé en que “non cabe ningún tipo de negación desta cruel realidade e que no punto de mira de todos e todas só deben estar a liberdade, a seguridade e a integridade para tódalas persoas” e, dirixíndose ás mulleres que sofren violencia machista, incide en que “lembrámoslles que non teñen porque toleralo baixo ningunha forma e que estamos ao seu carón para axudalas a saír. Animamos por tanto ás vítimas e a calquera que teña coñecemento dalgún caso a dar o paso para pór fin á inxustiza. Contan connosco.”
A xornalista Marga Pazos conduciu o acto no que, posteriormente, se proxectaron tres curtametraxes para convidar á reflexión. A peza audiovisual El orden de las cosas expón unha historia de maltrato ao
longo dos anos no que cada obxecto, cada palabra, cada personaxe acada un significado que transcende da narrativa visual: a bañeira como zona de protección e gaiola ao mesmo tempo, un avión de xoguete roto como a inocencia perdida, a protagonista sen palabra como a muller silenciada, a porta como acceso a dúas visións distintas dunha unidade familiar… E o cinto como símbolo de poder e de perpetua-lo papel patriarcal a través da súa herdanza xeración tras xeración. Pero a muller logra saír desa situación de violencia para comezar o seu propio camiño, lanzando así unha mensaxe de esperanza.

Uns azos que tamén se fan presentes en Libre directo, no que se representan estereotipos e roles de xénero para, finalmente, rachalos.
Unha parella de idade avanzada. El mira o fútbol, ela cociña. No momento de facer un trámite económico, o banco preséntalle o reto deportivo La jornada de tu vida e a muller empeza a tomar as rendas da súa vida con adestramentos de fútbol que a levarán a supera-lo desafío e saír da situación de violencia na que estaba sumida. Esta curta elimina a etiqueta de xénero do fútbol, ademais de rexeita-las masculinidades tóxicas.
No debate que seguiu a cada unha das proxeccións, a edil Charo Varela; a asesora xurídica á muller, María Pérez; e a axente de igualdade, Carolina Rodríguez; analizaron xunto co público asistente os diferentes tipos de violencia exercida contra as mulleres e que se reflectían nas cintas: física, psicolóxica, económica… Recordando, iso si, que sempre hai saída, tal e como se recolle en 25N: As mulleres falan que puxo o broche final á xornada. Trátase dun vídeo impulsado pola Administración local no 2020 que continúa dispoñible na canle do Youtube do Concello. Vinte mulleres da Pobra con distintos perfís responden preguntas ao redor da data conmemorativa, o seu significado e importancia. Así, formúlanlles
cuestións como “Pensas que é necesario un 25N?”, “Vives ou tes vivido algunha vez na túa vida ou de xeito habitual no teu día a día un comportamento machista ou algún micromachismo?”, “Cal pensas que é a causa ou causas da violencia cara ás mulleres por parte dos homes?” ou “Que lle dirías a unha muller que está a pasar por unha situación de violencia machista?”
A axenda impulsada neste ano pola área da Igualdade faise extensiva a todo o mes de novembro con formación, exposición, o concurso de ideas para a elaboración dunha escultura ou actividades orientadas en exclusiva aos centros educativos do municipio coa premisa de que a educación en igualdade constitúe a base da prevención e erradicación da violencia machista.

Outros artigos

Incendio nunha vivenda na Conlleira, no concello de Ribeira

Os bombeiros do parque Comarcal Provincial de Ribeira foron alertados ao redor das 11:00 horas desta mañá dun incendio nunha vivenda na Conlleira, no concello de Ribeira. O lume orixinouse nun armario nunha das habitacións e o operativo consistiu na extinción das...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O de sempre, para non variar: susto ou morte” – Antón Luaces

“O de sempre, para non variar: susto ou morte” – Antón Luaces

Segundo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, España acadou no recente Consello de Ministros da UE bos resultados no Atlántico e Mediterráneo, de xeito que asegura a viabilidade dos 570 barcos que faenan no Mediterráneo e, no Atlántico, tamén "bos...

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

Nos últimos tempos, a dereita política española está a preocuparse máis en lanzar trolas e mentiras para tratar de despistar sobre os múltiples casos de corrupción que tiveron, con sentenza firme, e que aínda ten xudicializados. Desde que o sr. Feijóo chegou á capital...