A plataforma Stop Deshaucios Barbanza informou dun novo caso de familia vulnerábel que loita na nosa comarca por conservar a súa vivenda habitual. Desta vez trátase dun fogar da Pobra do Caramiñal, ao que lle vén de ser comunicada a suspensión de desaloxo decretada polo Xulgado Número 2 de Ribeira. Este desaloxo estaba fixada para este xoves 13 de outubro.
A plataforma Stop Deshaucios lembra que dende o departamento de Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal remitiuse ao Xulgado un informe social sobre a situación de vulnerabilidade que viven estes veciños do concello. “Agora a familia entrou nunha negociación directa, coa colaboración da Oficina da Valedora da Pobo, coa entidade crediticia ao obxectivo de lograr un aluguer social e poder seguir habitando a súa vivenda habitual”, engaden dende a plataforma.