A parroquia de Oleiros (Ribeira) vai celebrar este mes de outubro, a partir do xoves, as súas festas na honra da Virxe de Fátima. Desenvolveranse entre o día 13 e o 16 (domingo) desta mesma semana, coa sede principal das actividades no Local Social de Oleiros e comezando na súa primeira xornada cun rosario e cunha misa a partir das 19.30 horas. Ao día seguinte, venres, haberá ruada do Grupo de Gaitas Xiada e novamente rosario e misa cantada polo Coro Portavoces (por todos os enfermos) ás 19.30 horas. Pola noite haberá verbena a cargo da cantante ribeirense Mariú, a partir das 22.00 horas. Logo actuará Javi Machito DJ.
O día seguinte, sábado, comezará cunha nova ruada co Grupo de Gaitas Xiada e logo haberá inchábeis e contacontos para a rapazada a partir das 17.00 horas. En caso de que as condicións meteorolóxicos non sexan as máis axeitadas, prescindirase dos inchábeis e haberá contacontos e obradoiros. A partir das 19.30 horas está prevista un rosario e unha misa, de novo co Coro Portavoces, e pola noite verbena con Mar Davila, a partir das 22.00 horas. Á medianoite será a quenda, novamente, de Javi Machito DJ.
O domingo comezará ás 10.00 horas cunha alborada e co Grupo de Gaitas Xiada, para dar paso pola tarde (a partir das 18.00 horas) a un concerto de mariachis a cargo de Galicia es México. Ás 19.30 horas dará comeza o rosario e a misa, na honra dos “seres queridos dos nosos colaboradores dos festexos”, para dar paso a unha procesión de velas co devandito grupo de mariachis.
