Formalizado o patrocinio co Club Deportivo Marquiño polo Concello pobrense

O Concello da Pobra do Caramiñal estableceu a finais do mes de setembro un novo contrato de patrocinio na súa liña de traballo de apoio ás entidades deportivas locais.
Nesta ocasión, formalizouse co Club Deportivo Marquiño, polo cal se vincula a imaxe deste co municipio, ao tempo que a contribución económica de 1000 euros por parte da Administración local contribuíu a sufraga-los gastos de inscrición, desprazamento e estadía para o Campionato de España por Equipos de Xadrez Rápido 2022, realizado en Toledo.
A concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra), gabou as tres décadas de traxectoria do club, que conta actualmente con 41 xogadores/as federados/as. A edil enxalzou o seu esforzo por superarse ano tras ano, o cal supón que neste 2022 lograsen o seu ascenso á División de Honra Galega, o primeiro xogador titulado como campión de España representando a selección autonómica e campión por equipos no VI Circuíto de Xadrez Deputación da Coruña.
Así mesmo, as persoas integrantes en formación acumulan nas pasadas tempadas cinco títulos de campións galegos e máis dunha decena de campionatos individuais provinciais no deporte federado e sete títulos de campión provincial por equipos no deporte escolar Xogade, ao cal se referiu o presidente da entidade, Manuel Amil, ademais de insistir en que se proseguirá traballando na canteira.
Finalmente, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), explicou que o vínculo publicitario se realiza de maneira extraordinaria cando a sociedade deportiva perceptora participa nun evento cunha repercusión en todo o ámbito galego ou estatal e cando se traduce nunha maior visibilidade para a localidade. Compleméntanse así as subvencións en concorrencia competitiva que outorga o Concello.

Este acordo supón para o club unha serie de obrigas como, por exemplo, a inserción do logotipo da Área dos Deportes do Concello da Pobra do Caramiñal nun lugar visible do equipamento oficial. Participará tamén en actividades municipais relacionadas co deporte e campañas de sensibilización e concienciación social. A súa colaboración nunca poderá interromper ou afectar de maneira negativa o seu dinamismo, ben sexan adestramentos ou competicións. Realizaranse sempre de mutuo acordo e establécese un mínimo dunha acción ao longo deste 2022.