As incidencias por meteoroloxía adversa ascenden a máis de medio milleiro. Activan a alerta amarela por choivas na Coruña durante a madrugada deste luns

Meteogalicia informou da activación da alerta amarela por choivas en parte da provincia da Coruña entre as 00,00 e as 3,00 horas deste luns. Segundo detallan, o aviso será por acumulacións de máis de 40 litros/m2 en 12 horas e afectará o suroeste e ao oeste da Coruña.

Por outra banda o 112 Galicia rexistrou 548 incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa ao longo do día de hoxe, no período comprendido entre as 00:00 e as 18:59 horas desta tarde.

A maioría delas, igual que ocorría esta mañá, seguen estando relacionadas con árbores e pólas nas vías de circulación, con 301 acumuladas ao longo do día, aínda que nas últimas horas vense observando un descenso progresivo nas incidencias comunicadas. Así, mentres que entre as 12 e as 15 horas contabilizáronse 159 incidencias, nun período de tempo similar, comprendido entre as 15 e as 18 horas, rexistráronse 62 en toda a comunidade.

No relativo ás provincias, Pontevedra continúa sendo a máis afectada, con 309 sucesos rexistrados en total, seguida de A Coruña (155), e de Ourense (47) e Lugo (37).