A vixésimo cuarta edición do ForoAcui afondará no futuro da pesca, o marisqueo e a acuicultura en Galicia

03 Outubro 2022

 O Foro dos Recursos Mariños e Acuicultura das Rías Galegas (ForoAcui) celebrará os días 6 e 7 deste mes de outubro, no Auditorio Municipal de O Grove, a súa vixésimo cuarta edición asentado como espazo de referencia para comunicar e debater a realidade e as perspectivas de futuro da pesca, o marisqueo e a acuicultura en Galicia. Fieis á súa filosofía orixinal e co fin de achegar o mellor rendemento ás distintas conferencias e relatorios previstos, o programa deseñado reunirá persoal investigador e representantes dos sectores económicos e da administración na procura dun diálogo apegado á realidade e circunstancias da xestión dos recursos do mar e a acuicultura. O acto inaugural desenvolverase no Auditorio Municipal de O Grove, ás 10.00 horas, deste xoves 6 de outubro.

As intervencións e debates previstas, que poderán ser seguidas de xeito presencial e en liña polas persoas inscritas, están articuladas arredor de seis mesas de traballo nas que se atenderán outros tantos bloques temáticos. O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) será o tema protagonista da primeira das mesas, á que precederá a conferencia inaugural que pronunciará o director do propio CIMA, Carlos Gabín Sánchez, co título ‘A viaxe dende o parque experimental de ostricultura (1965) ata o Centro de Investigacións Mariñas’. A continuación o debate xirará cara ao marisqueo e a pesca de baixura, da man de persoal investigador que porá o acento en cuestións relacionadas cos efectos das vagas de calor e o descenso da salinidade no marisqueo a pé ou novas aproximacións e ferramentas para o marisqueo e a acuicultura sustentables.

Nas mesas dedicadas á Acuicultura e a Empresas e Recursos daranse cita representantes do mundo da investigación e do sector empresarial como Stolt Sea Farm, Skretting, Ovapiscis e Air Liquide, para analizar novas tendencias na mellora da produción acuícola, as tecnoloxías para o emprego de gases na acuicultura industrial, o uso de pensos sostibles, o subministro de ovas embrionadas producidas en Galicia para o sector da troita en España, ou mesmo exemplos internacionais como o de Chile onde se amosará como é posible xerar iniciativas emprendedoras partindo da pesca artesanal.

A primeira sesión do encontro, o día 6 de outubro, rematará coa celebración do XXXIV Ciclo Cultivando o mar, ás 20.00 horas, na carpa institucional da Festa do Marisco do Grove. Este evento, aberto a todo o público, explora os vínculos entre a temática mariñeira e as redes sociais coas intervencións de Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro e divulgador en Twitter e Instagram; Patricia Bea Dopazo, xornalista e divulgadora en TikTok; e Rocío Garrido Caramés, cociñeira, empresaria e blogueira.

A xornada do venres 7 estará dedicada na súa totalidade ás ‘Ameazas e retos da acuicultura’ a través de dúas mesas de traballo nas que se abordarán cuestións da máxima actualidade, como o benestar dos peixes, a sustentabilidade da acuicultura, así como a súa importancia nas dietas saudables, ou na produción de proteína mariña, entre outros aspectos.

Como evento de difusión científica, de longa e consolidada traxectoria, resulta de especial importancia a presentación de comunicacións en formato póster que estarán expostas  ao longo das dúas xornadas, para que as persoas asistentes poidan consultalas e mesmo debater os seus contidos coas persoas autoras presentes no certame. Tamén se poderán recibir comunicacións en formato audiovisual que serán expostas en pantallas na zona de exhibición de pósteres e comunicacións. A entrega de premios ás mellores comunicacións audiovisuais e pósteres será o acto final antes da clausura do XXIV ForoAcui.

O ForoAcui é un evento organizado pola Asociación Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas, que ten como vocación analizar e promover os recursos mariños e a acuicultura a nivel mundial. Dende 1997, é un referente internacional na análise do estado da industria acuícola e pesqueira a través de diferentes perspectivas como a explotación, a sustentabilidade, o benestar animal, a seguridade alimentaria e a proxección no futuro.

Como todos os anos, terá lugar, antes do inicio da presente edición, a presentación oficial do Libro de Actas da edición anterior, que como ven sendo habitual inclúe todos os relatorios, as  comunicacións científicas ‘in extenso’ e os pósteres presentados nesa edición.

Ademais da USC, o foro conta co apoio da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, así como co patrocinio de JJChicolino e a colaboración doutras empresas do sector da acuicultura en Galicia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

“Meus irmáns” – Xulio Xiz

Fóronse meus dous irmáns: Mato, o maior, e Santi, o pequeno. O maior, morreume hai unhas semanas. O máis novo, o día do Pai. Se Xesús tivo vida longa e froitífera, Santi foise moi cedo despois de poñer unha pica en Bristol. Os tres somos tamén agora irmáns en terra:...