A concelleira da Igualdade da Pobra do Caramiñal, Charo Varela (Nós Pobra), presidiu a segunda reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero realizada no 29 de setembro. Fíxose balance dos casos activos no concello (15) e constatouse a ausencia de denuncias nos pasados festexos.
A Mesa é un órgano integrado por axentes dos distintos ámbitos do concello (cargos institucionais, persoal técnico da Administración local, Policía local, Garda Civil e representantes do eido educativo e do tecido asociativo) que supón un paso máis na loita contra a violencia machista mediante a posta en marcha de políticas e actuacións para a detección precoz desta eiva social, ao tempo que se erixe como unha ferramenta de sensibilización entre a veciñanza.
Actualmente son 15 os casos activos no municipio, cuestión que se abordou polo miúdo coa finalidade de buscar unha resposta eficiente para eles. Deuse tamén conta de que non se rexistraron agresións sexuais durante os festexos do Carme dos Pincheiros nin no Nazareno.
Con relación ao eido da concienciación, puxéronse en común as propostas cara ao Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, tales como sesións teatrais, obradoiros ou charlas, tanto para a poboación en xeral coma para os centros de ensinanza. Doutra banda, establecéronse os programas de corresponsabilidade e traballo coas familias, alumnado e profesorado como dous dos eixes vertebradores dos proxectos dirixidos ao ámbito educativo ao longo do presente curso académico.