O proxecto agrario da Pobra ofrece formación sobre a horta ecolóxica

O Concello da Pobra do Caramiñal promove nova formación coa cal amplia-lo proxecto de aproveitamento de excedentes agrarios que busca pór en valor a produción agrícola das pequenas explotacións do concello; fomenta-lo consumo de alimentos de calidade e de proximidade (quilómetro 0); xerar actividade económica a partir dos produtos de tempada; dinamiza-lo comercio local, neste caso, a través dunha plataforma dixital; fomenta-la actividade agraria; e promover un estilo de vida saudable e sostible.
A concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra); a técnica municipal desta área, Sara Sánchez; e Manuel González, en representación de Sachos á Rúa, foron as persoas encargadas de dar
conta desta proposta titulada Iniciación á horta ecolóxica na cal se abordarán distintas temáticas como as tipoloxías de solo, fertilizantes naturais ou planificacións de cultivos nas distintas fases, entre outros
aspectos.
As sesións teórico-prácticas de balde impartiranse nos días 4, 5, 10 e 11 de outubro por parte do referido colectivo, en horario de 17.00 a 19.00 horas. As clases desenvolveranse na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal para, posteriormente, levar ao terreo os coñecementos adquiridos.
Requírese a inscrición previa a través do teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2035, ou do enderezo electrónico promocion.economica@apobra.gal. O límite establécese nas 25 prazas.