O Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a Asociación Cutlural Barbantia convocaron a quinta edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. Trátase dun certame que busca homenaxear ao escritor xa falecido, promover as autores e autoras en lingua galega de literatura infantil e fomentar a produción para inculcar o hábito lector nas xeracións máis novas.
Segundo fixeron saber as entidades convocantes, as bases introducen algúns cambios con relación a anteriores edicións, por exemplo incrementando as vías de entrega dos orixinais mediante pendrive ou enderezo electrónico (premioliterario.cultura@apobra.gal). Ademais, non poderán presentarse a este certame aquelas creadoras que acadasen a distinción nunha ou en máis dunha ocasión das últimas catro convocatorias. Outra novidade radica en que a entrega do premio farase coincidir coa presentación da obra galardoada, unha vez editada.
O premio considerará un único texto gañador, ó cal se lle asigna unha dotación económica de 3.000 euros, a publicación na colección Árbore da Editorial Galaxia e o reparto de exemplares entre a rapazada da Pobra. A este respecto, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), fixo fincapé no esforzo que realiza a Administración local ao asumir parte da edición, ademais do incremento do importe en relación cos tres primeiros anos do certame.
Así mesmo, a edil puxo de manifesto que o certame constitúe xa “un referente no panorama galego”, aspecto no cal coincidiu Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia, quen destacou “o alto nivel dos relatos presentados, agás na terceira convocatoria, cando quedou sen adxudicar por considerar o xurado que ningún acadaba a suficiente calidade, nun exercicio para así tamén salvagardar o renome do premio”.
En representación da A. C. Barbantia, o seu presidente, Manuel Cartea, salientou “a fecunda e frutífera traxectoria profesional de Carlos Mosteiro”; mentres que Lourdes Briones, viúva do escritor, tivo palabras de agradecemento para as institucións impulsoras, ademais de animar á xente a participar, facendo especial énfase nas persoas noveis.
O prazo de recepción de orixinais remata no 30 de novembro de 2022. O xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio na literatura infantil, unha delas da propia editorial. Tamén constará dun/dunha secretario/a, con voz, pero sen voto. O ditame darase a coñecer a finais do mes de decembro.
As bases completas e o documento de solicitude estarán dispoñíbeis nas páxinas web das entidades participantes.