O Auditorio de Ribeira acolle este venres a versión teatral de O porco de pé a cargo de Excéntricas e Quico Cadaval

O Auditorio Municipal de Ribeira acollerá este venres, 23 de setembro, unha das grandes obras do outono. Producións Teatrais Excéntricas trae baixo a dirección de Quico Cadaval un clásico da nosa literatura O porco de pé de Vicente Risco, a novela coa que “Galicia entrou na modernidade literaria hai case cen anos”.

Esta versión de Quico Cadaval e Pepe Sendón conta coa aprobación da Fundación Vicente Risco e foi seleccionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para formar parte do programa TeCe Redes.

O espectáculo non deixa de lado, senón que máis a potencia, a capacidade que tivo Vicente Risco de detectar, ha xa cen anos, unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapeus a confundirse cos propios burgueses do seu tempo. “Trátase dunha divertidísima sátira a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabaré, que ten hoxe mais vixencia que nunca e que propón unha fascinante viaxe á década do 20 do século XX”, explican dende a compañía onde milita Quico Cadaval, e máis tamén, os tres “fenómenos” que constitúen o elenco: Patricia Vázquez, Victor Mosqueira e Evaristo Calvo.

Función gratuíta

A función comezará ás 21.15 horas. As entradas (gratuítas) retiraranse desde as 20.30 h no Auditorio Municipal.

Dende o Concello lembran que xa está á venda na Oficina de Atención Cidadá os bonos para a Mostra de Teatro de Ribeira que principiará o vindeiro 7 de outubro.

Só poderá ser adquirido con tarxeta bancaria, de luns a venres de 9.30 a 14 horas. O bono, de 25 euros, é de uso individual (260) pero transferíbel, polo que o poderán empregar distintas persoas para cada unha das funcións. Dá dereito á reserva da butaca seleccionada e é válido para os 10 espectáculos da mostra.