Rianxo acolleu este venres 30 de setembro unha xuntanza de traballo entre representantes da entidade estatal Solo Empresarial do Atlántico (SEA), do Concello e da histórica empresa Conservas Cerqueira, que iniciará en xuño a súa actividade nunha innovadora planta de produción emprazada no Polígono do Té, dando emprego a unhas 250 persoas. Informar dos detalles do afianzamento da conserveira en Rianxo foi o gran obxectivo da xuntanza deste venres. Segundo se fixo saber, Cerqueira investirá 28 millóns de euros no seu proxecto rianxeiro. Como lembraremos, trátase dunha últimas representantes en activo do importante pasado conserveiro da nosa terra, con 130 anos de andaina ás súas costas. A actividade da empresa na nosa comarca estaba até o de agora focalizada en Ribeira, na súa histórica sede de Bandourrío.
Participantes
Participaron na xuntanza deste venres a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, acompañada do director xeral de SEPES, Fidel Vázquez, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños e a tenente de alcaldesa, Mari Carmen Figueira. Todos eles puideron coñecer os avances da planta da man dos responsábeis da conserveira.
A empresa, titular da firma de conservas Pay Pay, iniciou xa a construción da súa nova sede no polígono rianxeiro, na que prevé centralizar parte da súa produción, e que albergará sistemas medioambientalmente sustentábeis e innovadores.
Sestayo puxo en valor a futura creación de emprego nun polígono, que alcanzou unha ocupación do 86% e que “demostra que o ámbito público pode servir de transformador social, desde o respecto á sustentabilidade, á idiosincrasia dun pobo como Rianxo, referente en materia conserveiro, acuícola e pesqueiro, e no que grazas á colaboración institucional entre Concello e SEA, converteuse nun referente”.
O rexedor, pola súa banda, deu os parabéns a SEA polo traballo desenvolvido e puxo en valor o “antes e despois” do parque empresarial, cun cambio “histórico”, tras confirmarse tamén a futura chegada da empresa de Stolt Sexa Farm, que xunto con Conservas Cerqueira, sumará preto de 400 postos de emprego.
Segundo explicou o presidente da conserveira, Juan Manuel Cerqueira, a obra iniciouse no mes de abril e está previsto que se conclúa nunha primeira fase en xuño de 2023, tras “desenvolver un proxecto con tecnoloxías moi avanzadas de reciclaxe de auga e sistemas fotovoltaicos”. A planta, segundo precisou o xerente, Manuel Aldao, contará con 18.000 metros cadrados de superficie, con instalacións soterradas para xestionar o tratamento de auga. Nun primeiro paso, está previsto trasladar a factoría de Ribeira e iniciar a actividade con preto de 70 empregados xa en xuño de 2023. Amais, nun prazo de cinco anos prevese chegar a empregar ao redor de 250 persoas. As instalacións contarán con procesos innovadores para reaproveitamento da enerxía, climatización e reciclaxe e permitirá “o desenvolvemento de novas liñas de proceso, contando con ata unha cámara de almacenaxe de produto conxelado de 2.500 toneladas”, sinalou Aldao.
Pola súa banda, o director xeral de SEPES, Fidel Vázquez, expresou a satisfacción desde a entidade estatal SEA e o Goberno central de que o solo frutifique na “transformación da industria e permita a creación de emprego”, cun traballo que mostra os bos resultados da colaboración entre administracións e o Concello.
Fidel Vázquez aproveitou ademais para avanzar que “SEA e SEPES estarán pendentes do que o plan urbanístico local vaia deparando”. E engadiron: “Estudaremos e veremos na medida na que sexa posible”, posto en “as parcelas dispoñíbeis son insuficientes”. Así o expuxo tamén na reunión mantida previamente co alcalde e a tenente de alcaldesa no Concello e na que puideron profundar nos plans urbanísticos municipais.
O Parque Empresarial do Té multiplicou por catro a súa ocupación en tan só 3 anos, alcanzando, na actualidade, ata o 86%. Tan só quedan dispoñíbeis 7 parcelas das 50 que se ofrecían, e que suman só 28.000 metros cadrados.
O polígono de Rianxo conta con empresas como Conservas Cortizo, Transagonza, Proameixa, Metais Taragoña, Distribucións Camba, Talleres Milocho, Conservas Cerqueira, Mar da Pobra, Potel Torres, Grúas Orbutráns, Tarrío e Suárez e Renovat.