Até dez compañías participarán na nova edición da Mostra de Teatro de Ribeira

A concelleira de Cultura de Ribeira, María Sampedro, presentou este 14 de setembro as actividades programadas na Mostra de Teatro de Ribeira 2022, que, segundo comentou, contará coa participación de dez compañías. Desenvolverase entre o 7 de outubro e o 9 de decembro, tendo o Auditorio Municipal como centro de operacións. O obxectivo, dixo, é achegar á veciñanza “unha completa escolma de espectáculos que poñen en valor as creacións artísticas das compañías e grupos galegos” e que ao mesmo tempo “sexa un escaparate das propostas máis recentes de cada unha delas”. Tamén se trata, engadiu, de acurtar ao máximo a distancia entre as artes escénicas e a cidadanía, e facelo sen obrigar á xente a trasladarse ás grandes cidades. As funcións serán todos os venres ás 21.15 no Auditorio Municipal.

As funcións están todas recomendadas para maiores de 16 anos e os espectáculos seleccionados “son dos mellores que existen neste momento na nosa comunidade”, salientou a edil, destacando obras de compañías profesionais de recoñecido prestixio como Redrum Teatro, Malasombra, Talía ou Berrobamban e actores e actrices cunha traxectoria destacada como Isabel Risco, Fran Rei, Paula Carballeira, Victor Mosquera, Artur Trillo, Xoque Carbajal, Tito Asorey, Melania Cruz entre outras e outros; e atendendo a todos os xéneros pero “cunha aposta clara pola comedia que garanta unha boa enchenta de risas por parte do público asistente”, engadiu.

Así pois a mostra comezará o día 7 de outubro co espectáculo A Lúa Vai encuberta, gañadora do II Certame Manuel María de proxectos teatrais; ao seguinte venres será a quenda da compañía Fantoches Baj coa obra Auga que non vas beber cunha posta en escena que combina a representación teatral de actores e monicreques. Xa o 21 de outubro chegarán ao escenario do auditorio dous vellos coñecidos Fran Rei e Isabel Risco co Dúo Vaguedades e unha proposta de comedia musical en clave de humor no que os artistas convértense en Rosalía de Castro e Eduardo Pondal.

O venres 28 de outubro será a quenda da contadora Paula Carballeira, que presentará A Carreta Pantasma.

O mes de novembro comezará coa actuación o 4 de novembro da compañía Malasombra coa obra De algo hai que morrer, unha peza que de xeito cómico a través dos personaxes fala de temas como o asasinato, os enterros ou a vida. Despois será a quenda doutra compañía xa consolidada como é Redrum Teatro coa obra Un home con lentes de pasta premio da crítica Serra D’or ao mellor texto teatral e o de mellor espectáculo nos premios Time Out entre outros. A axenda de novembro comezará coa comedia Divas de Diván de Tarabela Creativa e coa obra As Alumnas de Culturactiva.

Xa no mes de decembro a axenda prosegue o venres 2 coa compañía Talía Teatro e co espectáculo cómico Morte accidental dun anarquista baseado nun clásico teatral de Darío Fo, e pecharemos a mostra o día 9 con Falar por Falar, unha obra protagonizada polos coñecidos actores Victor Mosquera e Carlos Santiago.

Bonos e entradas

Seguindo a liña das anteriores edicións poderase adquirir un bono por importe de 25 € e que dará dereito a asistir a todas as funcións da mostra. Os bonos xa se poderán mercar dende o vindeiro luns día 19 de setembro e ata o 30 na Casa do Concello de luns a venres de 9:30 a 14:00 h. Ademais cada semana poranse á venda as entradas individuais para cada un dos espectáculos, tendo que adquirir estas na propia semana da función por un prezo de 4€ xa que deixaremos butacas soltas con este fin.

A entrada ou bono dará dereito á reserva da butaca seleccionada polo espectador e ao goce da función para a que foi expedida perdendo validez unha vez comezada a obra e pechadas as portas do salón de actos. Como é habitual a asignación das butacas poderase escoller por parte do espectador/a, no momento da adquisición do bono ou entrada, sobre plano e mentres haxa dispoñibilidade.

Nesta edición a mostra comezará, se todo segue segundo o previsto, sen ningunha restrición pola COVID aínda que “estaremos atentos”, sinalou Sampedro, “a calquera cambio por se houbera que volver a implementar algunha medida específica polo que o aforo se poderá modificar en calquera momento previo á celebración da Mostra de Teatro e tamén durante o desenvolvemento da mesma para adaptarse ás recomendacións sanitarias dando lugar á devolución da parte proporcional do prezo público do bono de darse o caso de ter que suspender parte ou toda a mostra ou reducir o número de butacas”.