A rúa Venecia da Pobra será obxecto de obras de mellora

O Concello da Pobra do Caramiñal comeza co procedemento de licitación da pavimentación da rúa Venecia trala aprobación do crédito necesario no pleno extraordinario do 13 de setembro. Trátase dunha intervención “imprescindible”, en palabras do executivo local, que mellorará a mobilidade e seguridade
nunha das vías máis transitadas da localidade, tanto dende o punto de vista do tráfico rodado coma de circulación peonil, que se agarda realizar antes de que conclúa o presente exercicio.
O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra); o seu homólogo da Mobilidade, Xabier Santos (BNG); e o arquitecto técnico de Cota Cuatro, Andrés Fernández; debullaron o contido desta actuación.
As obras afectarán a case 700 metros de superficie e incluirán o fresado e pavimentación da dita rúa, así como das que dan acceso e saída ao centro de saúde e á residencia de maiores. Deseguido, pintaranse as marcas viarias e incrementarase o número de pasos peonís, pasando dos tres actuais a un total de dez. Así mesmo, prevese a conexión das augas pluviais da urbanización Lamas e Andrés directamente coa Xunqueira para aliviar a carga do sistema de saneamento e mellora-la situación cando se producen
precipitacións intensas. Este aspecto aparece no Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) para o cal se require a apertura dunha vía no terreo fronte á rúa Pintor Laxeiro mediante o proceso de adquisición,
expropiación ou cesión por parte da persoa propietaria. Isto tamén redundará positivamente no futuro proxecto dos camiños escolares seguros que porá en marcha a Administración local ao abrir un novo
itinerario para acceder ao CEP Salustiano Rey Eiras.
Outra acción que se estuda é a de reservar de prazas de estacionamento detrás do ambulatorio para o persoal sanitario. O orzamento de execución do proxecto ascende aos 69.495’87 euros, IVE
incluído, con cargo ó remanente da tesouraría do Concello.